Un novidoso sistema, pioneiro en Galicia, permite controlar as flotas de vehículos e optimizar as rutas para que a recollida de lixo sexa máis eficiente, aforre custes e ofreza mellor servizo.

Tecnoloxía de Fórmula 1 aplicada á recollida de lixo. Así se resume o proxecto que hoxe presentou a Deputación de Ourense no Punto Limpo de Xinzo de Limia, un proxecto no que se aplican os últimos avances nas telecomunicacións, o GPS e a telemetría para optimizar a recollida de residuos sólidos urbanos.

Este sistema, pioneiro en Galicia, acaba de instalarse nos 42 camións de recollida de lixo que xestiona a Deputación de Ourense, que prestan servizo a 45 concellos da provincia, abranguendo a unha poboación de máis de 110.000 persoas. En palabras do presidente da Deputación, Manuel Baltar: "Este servizo intermunicipal de apoio aos concellos que presta a Deputación está altamente valorado pola súa óptima calidade, e o obxectivo é valorizar o lixo, porque cremos firmemente que os residuos son un recurso que xera valor e emprego, e ese é o camiño que temos que seguir para facer políticas sostibles e que defendan o noso medio ambiente".

Baltar dixo que hoxe vemos novamente "como unha política pensada na prestación conxunta de servizos aos concellos funciona coa máxima eficacia", e engadiu que "se a iso lle sumamos tecnoloxía punta e un proxecto ecolóxico e eficiente temos como resultado un magnífico programa que pensa en clave natural e en clave de saúde e benestar para o noso territorio".

O sistema de control de flotas por GPS persegue aumentar a eficiencia do sistema de recollida de residuos. Nesta primeira fase do proxecto contrólanse por telemetría todos os parámetros que teñen que ver co camión: consumos de combustible, quilometraxe, rutas que realiza, paradas, velocidades medias e mesmo a temperatura do motor. Nunha segunda fase esta tecnoloxía aplicarase directamente aos contedores —a Deputación xestiona máis de 13.000 en toda a provincia de Ourense—, e poderase determinar mediante a instalación dun chip o tipo de lixo que contén, o grao de carga e o peso. "Desta maneira poderemos saber a cantidade de lixo que hai en cada contedor, en cada rúa, en cada barrio e en cada pobo", explica Javier Bobe, xefe do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense, quen engade que esta información recibirase instantaneamente no centro de control, actualizada cada 30 segundos, e será decisiva para modificar as rutas dos camións en función das necesidades, permitirá facer un traballo máis cómodo e organizado aos operarios, e tamén reducirá custes pero cunha maior eficiencia no servizo".

Para elo, a Deputación de Ourense instalou nos camións un moderno sistema GPS, con sensores e parametrización de última xeración, que permitirá ir ampliando o número de variables segundo as necesidades, e a medida que se avancen en novas fases poderanse coñecer desde o centro de control moitos máis parámetros a través da tecnoloxía de posición xeo-referenciada de cada contedor, como por exemplo, determinar se o contido do lixo é de "bolsa amarela" ou de "bolsa negra".

O axuste das rutas de recollida de lixo "será dinámico e poderá variar en función das necesidades de cada concello", explica Javier Bobe, "pois non será o mesmo no verán que no inverno, e mesmo pode variar en función dos días ou das horas. A todos estes requerimentos poderemos adaptar o servizo porque toda a loxística vai estar centralizada, e así, poderemos planificar mellor as rutas e personalizalas segundo a demanda". Nesta seguinte fase poderanse mesmo planificar as rutas de recollida en función da carga que teña cada contedor.

A Deputación de Ourense é pioneira na xestión supramunicipal dos Residuos Sólidos Urbanos. Na actualidade presta servizo de recollida de "bolsa negra" en 46 concellos, bolsa amarela (envases lixeiros) en 65 concellos, vidro en 58 concellos e papel/cartón en 53 concellos da provincia de Ourense.

Para o proxecto que hoxe foi presentado deseñouse un software específico para levar a cabo o control dos vehículos encargados da recollida de lixo. Este sistema traballa en tempo real e almacena toda a información mediante sistemas telemáticos, de maneira que esta poida ser tratada e analizada ao instante, permitindo unha maior comodidade da persoa encargada da xestión de la flota.

O acto de hoxe tivo lugar no Parque Empresarial de Xinzo de Limia (Planta de Transferencia do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense), e contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcade de Xinzo, Antonio Pérez; e o xefe de Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe.

Más información gráfica: