Jorge Pumar: “O voceiro socialista estase a converter no símbolo da antipolítica levando á deriva á oposición socialista”
O vicepresidente segundo lamentou que o único traballo do deputado da oposición no pleno desta mañá "e polo que vai cobrar fose levantar a man e ao remate da sesión dirixirse de xeito ameazante a esta vicepresidencia".
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, afirmou esta mañá tralo remate do pleno ordinario de xullo que o voceiro provincial socialista “estase a converter no símbolo da antipolítica, amosando de continuo un comportamento que está a levar á deriva á oposición socialista”.
Para Jorge Pumar é absolutamente lamentable que os representantes do PSOE “só acudisen a levantar a man e cobrar a dieta da xornada, sen intervir no debate dos asuntos da orde do día, como fixeron o resto dos grupos políticos”. A única voz socialista, denunciou, “foi a do seu voceiro para soltar un mitin nada máis comezar a sesión e para, ao remate do pleno, dirixirse de xeito ameazante a esta vicepresidencia para, nun absurdo exercicio de incongruencia, recriminarlle o seu traballo e adicación a esta institución”.
O deputado da oposición, engadiu o vicepresidente segundo, non só está a alonxar ao seu partido dos cidadáns, senón que tamén está a provocar un cisma no seu propio grupo “onde asumen con impotencia que cada un é como é”. Para mostra, lembrou, “as impulsivas e irreflexivas decisións que toma, como aconteceu na pasada comisión de Transparencia, obrigando con malos modos aos seus compañeiros a abandoar a sala por non entender, como el mesmo recoñeceu, o procedemento de presentación de mocións”.
Jorge Pumar lamenta ademais o desprestixio que o tamén alcalde de Ribadavia está a causar ao seu Concello, “que pola súa nefasta xestión está a sairlle moi caro aos veciños, dando exemplo da súa incompetencia coa recente resolución da xunta electoral”.