O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o municipio de O Bolo para coñecer os proxectos que en materia turística e de infraestruturas está a planificar o Concello bolés para potenciar o turismo e mellorar as infraestruturas da rede viaria daquela comarca. Baltar reuniuse co alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, e co equipo de goberno do Concello para analizar a situación do castelo do Bolo e as actividades encamiñadas a potenciar un dos máis emblemáticos monumentos da comarca, cuxa construción iniciouse no século XII.

Tamén no ámbito turístico e de recuperación do patrimonio arquitectónico, Manuel Baltar e Manuel Corzo visitaron a área dos muíños, unha zona sita na contorna do Santuario das Ermitas, de alto valor patrimonial, e na que o Concello de O Bolo traballa nun proxecto de recuperación destes muíños, para recuperar o seu funcionamento con fins didácticos. O obxectivo, segundo explicou Manuel Corzo, é rehabilitar as antigas edificións dos muíños dotándoos de equipamento que reproduzan as labores tradicionais que desenvolvían estas construcións: muíños de auga fariñeiros, de aceite e minicentral hidráulica.

No que atinxe ás infraestruturas, Manuel Baltar e o alcalde bolés estudaron a realización de melloras no firme das estradas do municipio e tamén a modernización, actualización e colocación de novas sinalizacións en interseccións de vías e estradas, que permitan mellorar a información viaria tanto para os veciños como para os visitantes que se achegan á comarca bolesa.