O entroido de Ourense, o máis importante no ámbito etnográfico, ofrece máis de 260 actividades en 41 localidades da provincia

  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentou no castelo de Maceda o programa, que se desenvolverá entre 8 e o 14 de febreiro en 33 concellos da provincia, con entroidos tradicionais declarados de interese turístico galego e nacional.

Ourense, 7 de febreiro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Maceda, Rubén Quintas e por sete "Felos", a figura típica do entroido macedán, presentou hoxe no castelo de Maceda o Programa de entroidos da provincia de Ourense, o máis importante no ámbito etnográfico, que desenvolverá este ano, entre os días 8 e 14 de febreiro, máis de 260 actividades en 41 localidades de 33 concellos.

O Programa Provincial do Entroido 2018 recolle nunha guía explicativa da que se editaron 20.000 exemplares –e que pode consultarse tamén a través da web da Deputación de Ourense- unha ampla compilación dos actos de entroido que se celebrarán na provincia desde o xoves de Comadres ata o mércores de cinza e enterro da sardiña, o que constitúe a festa máis participativa e con maior repercusión económica das que se celebran na provincia de Ourense.

Xunto co programa, que está distribuído en establecementos hostaleiros e oficinas de turismo da provincia de Ourense, no acto tamén se presentou o spot promocional relativo a esta celebración, cuxa finalidade é resaltar aínda máis o carácter singular e xenuino desta festa da nosa provincia.

Manuel Baltar expresou que en Maceda, "un lugar sinalado pola historia, que conta con relevantes persoeiros, presentamos hoxe o programa provincial de entroidos de Ourense, unha actividade que damos a coñecer por segundo ano consecutivo e que amosa a grande demostración de etnografía, tradición e cultura da nosa provincia", destacando que entre os nove carnavais distinguidos "de Interese Turístico en Galicia", sete están na provincia de Ourense: o entroido de Laza, co Peliqueiro; o de Viana do Bolo, no que o personaxe central é o Boteiro; o entroido de Manzaneda, coa Mázcara; o entroido de Maceda, co Felo, e o entroido de Vilariño de Conso, co Boteiro; ademais de contar con dúas festas de Interese Turístico Nacional, como son: o entroido de Xinzo de Limia, coa Pantalla, e o entroido de Verín, co Cigarrón. Estas e moitas outras localidades da provincia de Ourense singularizan a tradición do noso entroido, e a Deputación de Ourense achega ese papel vertebrador, esa visión integral de provincia, para un dos nosos grandes escaparates como é o entroido, con importante retorno económico, social e turístico".

O presidente do goberno provincial subliñou que estes son días "de marcada actualidade ourensá, nos que seguimos a impulsar as nosas tradicións, como tamén seguimos a traballar, como xa anunciei o ano pasado, en colaboración cos veciños do norte de Portugal e coa provincia de Zamora, para lograr que a Unesco declare Patrimonio Cultural Inmaterial o noso entroido".

Pola súa banda, Rubén Quintas agradece ao presidente da Deputación que escollese Maceda para presentar este ano o programa dos entroidos, "unha festa entrañable no noso concello, a máis participativa e a cal os nosos veciños levan organizando durante todo o ano". Quintas anunciou que os "Felos" visitarán todos os pobos da serra, "500 figuras que representan o respecto das nosas tradicións e do legado dos nosos antergos".