Un libro homenaxea a traxectoria docente e social do catedrático Jesús de Juana

  • No acto de presentación, celebrado na Facultade de Historia, Manuel Baltar definiu ao homenaxeado como "un grande de Ourense que demostrou na súa traxectoria profesional, social e humana o seu amor pola nosa provincia", salientando que coa súa actitude vocacional e profesional de historiador soubo transmitir o compromiso e a inquietude polo saber".

  • O libro presentado hoxe, editado por Galaxia e financiado pola Deputación de Ourense, leva por título Indivisa manent. Estudos en homenaxe a Jesús de Juana, e conta con achegas de 29 investigadores e amigos de Jesús de Juana, que analizan a súa figura académica, humana e social.

Ourense, 3 de febreiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto de homenaxe ao catedrático de Historia Jesús de Juana, celebrado na Facultade de Historia do Campus de Ourense "o compromiso dun grande de Ourense, que demostrou ao longo da súa traxectoria profesional, social e humana o seu amor pola nosa provincia". Baltar salientou que esta merecida homenaxe a Jesús de Juana recoñece tamén "a súa actitude vocacional e profesional de historiador, coa que soubo transmitir a inquietude polo saber".

No acto participaron tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda; o coordinador do traballo Julio Prada, e o propio homenaxeado, Jesús de Juana, así como profesores, alumnos e representantes académicos, sociais e culturais, quen quixeron amosar o afecto a quen leva máis de catro décadas vencellado á universidade e ao Campus de Ourense, "o noso campus", remarcou Manuel Baltar, "unha infraestrutura pola cal a Deputación de Ourense apostou desde o primeiro momento".

Un emocionado Jesús de Juana agradeceu "as mostras de amizade neste acto" e fixo un repaso polo que foi a historia académica dos últimos corenta anos en Ourense, lembrando a persoas "que fixeron posible que hoxe teñamos un dos campus universitarios máis destacados". Neste sentido, citou a Etelvino Blanco, Victorino Núñez, Manuel Veiga Pombo e José Luis Baltar, salientando do anterior presidente da Deputación que fixera posible que o Campus de Ourense se instalase no lugar que ocupa na actualidade, "porque grazas á súa xestión se puido realizar a cesión gratuíta destes terreos", dixo De Juana.

O libro presentado hoxe, editado por Galaxia e financiado pola Deputación de Ourense, leva por título Indivisa manent. Estudos en homenaxe a Jesús de Juana, e conta nas súas 900 páxinas con achegas de 29 investigadores e amigos de Jesús de Juana, que analizan a súa figura académica, humana e social. Julio Prada, coeditor do libro xunto a Domingo Rodríguez, destacou de De Juana "as súas cualidades humanas", mentres que o reitor Reigosa valorou como "unha merecida homenaxe este recoñecemento a quen tanto fixo pola Universidade de Vigo".

A publicación recolle textos feitos por 29 especialistas, ademais dun texto de agradecemento do propio Jesús de Juana. Julio Prada arranca a publicación facendo un esbozo da bibliografía do homenaxeado, desde o seu nacemento ata o seu nomeamento en 2019 como profesor emérito da Universidade de Vigo. Tras el, compañeiros das facultades de Historia de Santiago de Compostela e Ourense, onde traballou, e outros especialistas de diferentes disciplinas cos que ao longo da súa dilatada traxectoria se relacionou Jesús de Juana, homenaxean ao catedrático con artigos nos que abordan aspectos da súa área de coñecemento.