O centro cultural Marcos Valcárcel reúne unha retrospectiva do pintor galego Pedro Bueno

Retrospectiva Pedro Bueno

Ourense, 12 de maio de 2021.- O centro cultural Marcos Valcárcel acolle desde hoxe e ata o próximo 15 de agosto unha exposición do artista coruñés Pedro Bueno, que regresa a Ourense trinta anos despois da súa primeira exposición para mostrar unha retrospectiva dos últimos vinte anos de traballo e na que se inclúe unha ampla selección de cadros, cerámicas e obxectos persoais.

Na presentación da retrospectiva e acompañado polo vicepresidente da Deputación, César Fernández, e o director do centro cultural, Francisco González, o artista recoñeceu "o complexo que foi escoller entre centos de pinturas, esculturas e outros traballos en diversas técnicas artísticas para resumir estes vinte anos". Pedro Bueno amosou a súa satisfacción por expoñer de novo en Ourense no que cualificou como "unha xoia arquitectónica e un dos mellores centros de cultura de Galicia", destacando entre as obras expostas unha colección sobre os sete pecados capitais, realizada entre os anos 2000 e 2002 pero que aínda se presentaron ao público por primeira vez 18 anos despois.

César Fernández, que felicitou ao artista coruñés "por unha intensa carreira avaliada por centos de obras que agora nos resume na súa selección", destacou pola súa banda que a presentación desta retrospectiva "abre unha nova etapa na volta á vida habitual, dentro da que tamén está gozar da arte". Un aspecto tamén destacado por Francisco González, "ao recuperar o hábito de presentarlle á sociedade a actividade artística a través da vía das exposicións plásticas".