Manuel Baltar clausura a 7ª Semana Escolar das Letras Galegas reivindicando o galego como “o noso gran tesouro e factor diferencial”

Semana escolar letras galegas 21

• O presidente da Deputación de Ourense celebrou a excelente acollida desta iniciativa "coa que nos achegamos ás xeracións máis novas de ourensáns, que dedican uns días a traballar no estudo do máis noso, do máis profundo da nosa alma, cun capítulo especial dedicado ás mulleres, e sobre un movemento non só literario e cultural, senón tamén social e político irrepetible", en referencia á Xeración Nós.

Ourense, 20 de maio de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, pechou hoxe a 7ª Semana Escolar das Letras Galegas cunha visita ao IES Blanco Amor de Ourense, na que reivindicou a lingua galega como "o noso gran tesouro, factor diferencial, de desenvolvemento e recoñecido como idioma propio polo artigo quinto do Estatuto de Autonomía de Galicia", cualificando o acto de hoxe como un gran momento que "pon o colofón a esta iniciativa da Deputación, coa que na presente edición chegamos a preto de 8.000 estudantes de toda a provincia".

O presidente provincial tivo ocasión de comprobar a excelente acollida que tivo esta programación entre os 512 estudantes e 9 docentes do Blanco Amor que traballaron co libro editado pola institución provincial, Ao redor da Xeración Nós. Catro ourensáns e un rianxeiro, escrito por Mercedes Pacheco, conmemorando os cen anos do primeiro número da revista Nós. Un aniversario, dixo Baltar, "co que nos achegamos ás xeracións máis novas de ourensáns, que dedican uns días a traballar no estudo do máis noso, do máis profundo da nosa alma, cun capítulo especial dedicado ás mulleres, e sobre un movemento non só literario e cultural, senón tamén social e político irrepetible e ao que debemos profesar o maior respecto e relevancia". Unha iniciativa, lembrou, á que se sumou a Deputación colaborando coa Xunta de Galicia na exposición que sobre a Xeración Nós estivo aberta no centro cultural Marcos Valcárcel, tras a súa estadía no Gaias en Santiago, e na Praza Maior de Ourense co apoio de Abanca.

Baltar destacou a gran oportunidade que supuxo esta semana "para que os máis novos aprendan daqueles que significaron un punto e aparte na nosa historia, seguindo adiante con este labor non so gratificante, senón tan aplaudido polos docentes". Referiuse así á inscrición de 59 centros de Educación Secundaria neste programa, no que 278 docentes dirixiron as actividades deseñadas para 7.678 alumnos, entre elas o estudo do mencionado libro de Mercedes Pacheco, no que se recolle unha ampla visión do que foi o movemento Nós no contexto histórico do seu tempo, incluíndo unha descrición da Galicia de principios do século XX, as biografías dos principais intelectuais que promoveron este movemento, a traxectoria da revista na que deron a coñecer os seus pensamentos, e unha recolleita doutros movementos e personaxes que seguiron os pasos desta xeración.