Begoña Graña e María José Rodríguez reciben o XVII Premio “Pura e Dora Vázquez”

Premios Pura Dora Vazquez 21 1

• No colexio público Mestre Vide de Ourense e coa participación dun cento de escolares, o presidente provincial destacou que falar de cultura "é o mesmo que falar de Ourense, con destacadas xentes das letras e da música, cun símbolo da Ourensanía que representa a actitude optimista que debemos ter cara o noso territorio, cun idioma propio que nos identifica, e tamén de oportunidades económicas, de xeración de emprego, riqueza e progreso"

Ourense, 4 de xuño de 2021.- O colexio público Mestre Vide de Ourense foi o centro escollido este ano para a entrega do XVII Premio "Pura e Dora Vázquez" de narración e ilustración infantil e xuvenil que organiza a Deputación de Ourense, que na presente edición recaeu na escritora Begoña Graña pola súa obra Adrán e a fábrica de xeo e na ilustradora María José Rodríguez. O presidente provincial, Manuel Baltar, entregou ambos os dous galardóns -diploma acreditativo e un premio de 1.500 euros- nun acto que contou coa presenza dun cento de escolares de 5º e 6º de Primaria -que tamén gozaron da actuación do mago Deimi-, directivos e docentes do Mestre Vide e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Manuel Baltar felicitou ás gañadoras por unha obra que cualificou como "magnífico exemplo dunha historia moi ben ideada, cuns debuxos que atrapan desde o primeiro momento nunha conxunción perfecta", chamando tamén a atención sobre o carácter feminino deste premio "que homenaxea a dúas mestras con vocación literaria, que distingue a dúas mulleres pola súa creatividade e que tivo como presidenta do xurado a outra muller da cultura, alcaldesa do concello onde naceu Antón Losada Diéguez, impulsor da Xeración Nós".

O presidente provincial afirmou que "non hai nada máis importante que a cultura, que é o mesmo que falar de Ourense, con destacadas xentes das letras pero tamén da música, como José Fernández Vide, o gran compositor ourensán que da nome a este centro", engandido o símbolo da Ourensanía "que representa a actitude optimista que debemos ter cara o noso territorio, e cun idioma propio que nos identifica". "Todos debemos contribuír a dignificar a cultura de Ourense -rematou- porque iso tamén é falar de oportunidades económicas, de xeración de emprego, riqueza e progreso".

Antes da entega dos premios, Patricia Torres, presidenta do xurado, lanzou unha encomenda aos escolares "para que neste verán vivan nas súas aldeas as experiencias de Adrán e, sobre todo, para ler porque os libros son un mundo aberto ás historias e os soños".

Nunha orixinal intervención coa axuda de "Morce", un monicreque de morcego que tamén forma parte das personaxes da obra, Begoña Graña explicou que este "é un libro dedicado a nenos e nenas doutras culturas, dos que podemos aprender un montón de cousas e axudar a integralos, o que nos fará mellor como sociedade, falando tamén de ciencia porque nos fai entender o que ocorre ao noso arredor". Pola súa banda, a ilustradora María José Rodríguez agradeceu á Deputación a convocatoria destes premios "que axudan a espallar a cultura e que nos permiten dar a coñecer aos persoeiros que temos preto e que fixeron moito fóra, porque Pura e Dora Vázquez foron escritoras moi importantes non só en Ourense senón tamén en América".

Adrán e a fábrica de xeo, segundo o xurado desta edición, ten "un valor pedagóxico engadido, cunha perspectiva de divulgación científica ao propoñer xogos por medio de experimentos", abondando nas relacións interxeracionais e cuestións como os migrantes e a vida intercultural na aldea. Das ilustracións de María José Rodríguez, o xurado destacou a súa "estética infantil e inxenua que ilustra magnificamente a narración, con imaxes que dan moitísima información, teñen forza e expresividade, que poden impactar moito ao lector novo".

A obra gañadora é a primeira publicación non científica de Begoña Graña, oncóloga no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, onde dedica unha relevante parte da súa actividade á investigación, xunto coa publicación de artigos en revistas internacionais e a difusión dos seu labor en múltiples eventos.

María José Rodríguez, licenciada en Pedagoxía, ten unha ampla traxectoria no mundo da ilustración, con máis dunha ducia de exposicións individuais e colectivas e cinco primeiros premios no deseño de carteis para recoñecidos eventos, ademais de exercer como profesora de debuxo, plástica e modelado.