O "Gaiteiro da Catedral" cumpre un ano de homenaxe permanente ás vítimas do COVID-19

Ourense, 30 de xuño de 2021.- O "Gaiteiro da Catedral", o símbolo que desde Ourense para o mundo representa a solidariedade entre os pobos coa súa homenaxe ás vítimas do COVID-19, conmemora hoxe o seu primeiro aniversario. O 30 de xuño de 2020 a Deputación de Ourense, xunto co Bispado e a Catedral de Ourense, instaurou este acto, representado por numerosos gaiteiros que, chegados desde diferentes puntos de Galicia, Castela-León, Castela A Mancha, Madrid ou Arxentina, subiron á torre da catedral ao longo destes meses para interpretar cada día ás 11.30 horas –números que representan o día e mes en que a OMS declarou a pandemia: 11 de marzo- a melodía Ourense no solpor, himno oficial da provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá no acto conmemorativo do primeiro ano desta efeméride, celebrado na Praza de San Martiño, acompañado de gaiteiros que representaron durante este ano ao "Gaiteiro da Catedral". Todos xuntos escoitaron a habitual homenaxe convertida en música, que desde hoxe, no limiar da nova etapa da pospandemia, continuará mantendo ese compromiso permanente coa lembranza e a solidariedade cada domingo ás 11.30 horas.

Desta maneira, a provincia de Ourense seguirá rendendo homenaxe ás vítimas do COVID-19, ás súas familias e a todos os profesionais que traballaron e seguen traballando para facer fronte á esta crise sanitaria, social e económica. "Ao primeiro "Gaiteiro da Catedral", o líder de Luar Na Lubre, Bieito Romero, e a todos os músicos que se uniron e seguirán uníndose a esta homenaxe de música e solidariedade, a Deputación de Ourense quere agradecerlles o seu compromiso e lles traslada os parabéns por formar parte dunha das páxinas máis fermosas da Historia da nosa provincia", expresou Manuel Baltar.

Como acreditación a súa participación, cada un dos gaiteiros recibe un pergamiño acreditativo asinado polo presidente da Deputación, cuxo texto fai referencia ao carácter perpetuo do acto, facendo constar ademais que a provincia de Ourense rende esta homenaxe "á concordia dos pobos do mundo, o mellor sentimento que alberga a convivencia humana, lembrando a solidariedade que nos une fronte á pandemia do coronavirus".