O "Lorca galego" resoa na Insua dos Poetas, na XIII "Festa da Palabra"

  • O autor granadino e os seus Seis poemas galegos protagonizaron o evento literario que cada ano converte as campas da Esgueva (O Carballiño) "na capital cultural de Galicia, un espazo de creatividade que pon en valor o noso ben máis prezado: a lingua", expresou Manuel Baltar.

  • No decurso do acto entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2021 a: Yolanda Castaño, Vidal Souto (póstumo), Orfeón do Carballiño, Maribel Outeiriño, Marisol Nóvoa, Fundación Amaranta e Diego Martínez Duro.

Ourense, 3 de xullo de 2021.- O "Lorca galego" foi o protagonista hoxe da XIII "Festa da Palabra", o evento literario que cada ano converte as campas da Esgueva (O Carballiño) "na capital cultural de Galicia, un espazo de creatividade que pon en valor o noso ben máis prezado: a lingua", expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na clausura do acto.

A lembranza do autor granadino e os seus Seis poemas galegos resoaron mesturados coa natureza nunha celebración na que se entregaron os premios "Insua dos Poetas" 2021 que recaeron en: Yolanda Castaño (literatura), Vidal Souto -a título póstumo- (artes plásticas), Orfeón do Carballiño (música), Maribel Outeiriño (periodismo), Marisol Nóvoa (emprendemento), Fundación Amaranta-Ourense (iniciativa social) e Diego Martínez Duro (cultura na emigración). Todos eles recibiron unha peza escultórica orixinal do artista ourensán Acisclo Manzano.

Baltar dixo que o de hoxe "é un acto de agradecemento a Federico García Lorca polo seu amor e a súa entrega a Galicia e ás súas xentes, de dentro e fóra", destacando a relación do poeta andaluz cos galegos da Habana, Bos Aires e Montevideo, "e sobre todo coa nosa lingua, na que escribiu os Seis poemas galegos, a obra máis traducida e difundida da literatura galega", e sinalou que grazas a amizade de Lorca con Eduardo Blanco Amor, "no Universo Lorca, composto por planetas, galaxias, satélites e meteoritos, a partir de hoxe, Ourense ten unha fulgurante estrela de seu", expresou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial tivo tamén palabras de lembranza do que supuxo a Xeración Nós e a publicación do primeiro número da revista Nós, da que en 2021 se cumpren 101 anos, e agradeceu a Luís González Tosar "a súa visión intelectual e literaria, que fixeron posible a creación e posta en marcha da Insua dos Poetas e da celebración da Festa da Palabra".

Manuel Baltar presentou o cartafol co que se agasallou ao público presente no acto, unha edición facsimilar dos Seis poemas galegos de Lorca, con prólogo de Eduardo Blanco-Amor, poemario editado e impreso por Ánxel Casal en Santiago de Compostela en 1935 e cuxos textos orixinais manuscritos permanecen custodiados na biblioteca da Deputación de Ourense. Acompaña ao facsímile unha serie de fotografías realizadas en 1935 polo propio autor da Esmorga durante a súa estancia en Granada, así como unha colaboración súa de 1978 no xornal El País, un ano antes de falecer.

O presidente Baltar tivo tamén palabras de agradecemento para Soledad Penalta, "unha das nosas máis prestixiosas artistas plásticas, que soubo captar e verter no metal da súa peza escultórica toda a alma, o sentimento e a emoción que Galicia; as nosas xentes e a nosa cultura espertaron en Federico García Lorca", e propúxolle ao Teo Cardalda -protagonista musical da primeira parte do acto na Insua- a realización dun vídeo-disco cos seis poemas de Lorca.

Pola súa banda, o presidente da Fundación "Insua dos Poetas", Luis González Tosar, destacou de Lorca o feito de que "soubo gañarse a simpatía da xente a través da súa alma", e deu lectura ao discurso que Xesús Alonso Montero, hoxe ausente no acto, ía pronunciar, referido aos seis poemas de Lorca. Tamén anunciou González Tosar que a Festa da Palabra de 2022 "estará dedicada ao Grupo Brais Pinto, "un conxunto de intelectuais galeguistas que en 1958 uníronse en Madrid a prol do galego e da renovación da cultura galega ao redor da figura de Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey. Todos eles merecen estar na memoria de Galicia e moi presentes no futuro da nosa cultura", dixo Tosar.

No acto -conducido polo xornalista Luis Menéndez Villaba- tamén interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os conselleiros de Cultura e Medio Rural, Román Rodríguez e José González. Posteriormente, descubriuse unha nova escultura na Insua, a realizada pola artista Soledad Penalta, na que se poden ler os seis textos de Lorca. Completou a parte musical do evento o Orfeón do Carballiño, interpretando Cantiga do neno da tenda, Romaxe da Virxe da Barca, Danza da Lúa en Santiago e o Himno Galego, dando paso logo á Romaría das Letras Ourensás e ao espectáculo de rock e folk a cargo do conxunto feminino A banda da loba.