Máis de 300 gaiteiros daranse cita no "XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas"

  • O evento terá lugar na estación de montaña de Manzaneda o vindeiro domingo, e previamente, o día anterior, celebrarase o "IV Serán da Seitura" e a "Noite Celta".

Ourense, 27 de xullo de 2021.- A estación de montaña de Cabeza de Manzaneda acolle o vindeiro domingo, 1 de agosto, a celebración do "XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas", organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Manzaneda e Manzaneda Estación de Montaña. Previamente, o día anterior, terán lugar o "IV Serán da Seitura" e a "Noite Celta", actividades todas elas que foron presentadas hoxe no Pazo Provincial por parte do vicepresidente da Deputación César Fernández; o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; o director da Estación de Manzaneda, Víctor Picos, e a xefa territorial de Cultura en Ourense, Sandra Quintas.

Máis de 300 gaiteiros daranse cita neste evento do que César Fernández destacou que converte cada ano a Manzaneda "no epicentro da cultura tradicional galega", salientado o labor que desenvolve a Deputación de Ourense, por medio da súa Escola de Gaitas, "para facer realidade anualmente a celebración deste certame". Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda dixo que "para o noso concello é un orgullo que este evento teña lugar cada ano; é unha aposta pola música tradicional galega que é posible levar a cabo grazas á colaboración de diferentes administracións", dixo Amable Fernández. Sandra Quintas, quen intervíu por videoconferencia, expresou que o certame celtibérico "é un abandeirado da música tradicional galega e potencia a imaxe da provincia de Ourense e de Galicia como destino cultural".

Xosé Lois Foxo detallou o programa de actividades e destacou "a fortaleza deste evento", que sigue desenvolvéndose despois de 35 anos. Explicou que previa ao XII Certame Celtibérico, o sábado 31 de xullo, ás 18.00 horas, terá lugar a IV edición do Serán da Seitura, na praza da Igualdade de Manzaneda, que contará coa actuación da violinista María Rodríguez; do grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa; do grupo de gaitas e danzas A Pinguela, de Manzaneda; das Cantareiras da Real Banda, e de destacados informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives, acto no que se inaugurará o monumento na memoria de Ludivina Pérez Ricoi. Ese mesmo día, ás 23.00 horas, terá lugar a Noite Celta, na estación de Manzaneda, coa actuación do grupo Bágoas do Toxo; a banda de gaitas El Gumial, de Asturias, e as Cantareiras da Real Banda.

O domingo, 1 de agosto, ás 11.00 horas, dará comezo o XII Certame Celtibérico coa cerimonia de izado de bandeiras e bendición do campo, para posteriormente celebrarse as actuacións das bandas de gaitas e o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando. O acto finalizará cunha ofrenda floral diante do monumento a Gabino García e coa entrega de premios, galardóns que este ano representan aos gaiteiros máis importantes de Galicia e Asturias: Xan Míguez (Gaiteiro de Ventosela), Perfecto Feijoo (Gaiteiro do Lérez), Ramón García (Gaiteiro de Libardón) e Avelino Cachafeiro (Gaiteiro de Soutelo de Montes).