A Deputación destina 600.000 € para cooperación cos concellos e entidades sociais e culturais

Ourense, 31 de xullo de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de axudas por un importe total de 610.649 euros, investimento que irá destinado a obras de infraestruturas, servizos e equipamentos en concellos da provincia de Ourense e tamén para entidades sociais, empresariais e culturais. Ademais, aprobáronse as bases da IV edición do Premio "Rodolfo Prada" á xestión cultural e resolveuse o concurso para a concesión de subvencións a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais, correspondente ao exercicio 2020.

En relación ás achegas a entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención por importe de 150.000 euros para a Fundación San Rosendo para obras de reforma da residencia de maiores de Vilamartín; 48.000 euros para o Liceo Recreo Ourensán, para arranxos na sede, e cadansúa achega de 30.000 euros para: Aquae Querquennae Vía Nova, para o proxecto de excavación; Clúster da Pizarra, para gastos de promoción no ano 2021, e para a Federación de Comercio de Ourense, para gastos de funcionamento en 2021.

No que atinxe á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 100.000 euros para o Concello de Pereiro de Aguiar, para temas de aforro enerxético; 47.894 euros para Chandrexa de Queixa, para o acondicionamento do acceso ao depósito regulador de Celeirós; 9.000 euros a Lobeira para tratamento e abastecemento de augas; 24.000 euros ao Concello da Peroxa para equipamento de vivendas sociais; 45.900 euros para Rairiz de Veiga para a segunda fase da nave municipal; 48.000 euros para o Concello de San Amaro, destinados a reparación do tellado do centro social de Anllo; 10.188 euros para San Xoán de Río, para traballos de rozado e posta en valor da Pena dos Castros (Mouruás); 11.667 euros para A Teixeira, para unha plataforma elevadora, e 20.000 euros para o Concello de Vilar de Barrio, para báscula de pesaxe na parroquia de Bóveda.

Premio Rodolfo Prada

As bases aprobadas do IV Premio "Rodolfo Prada" recollen que o galardón vai dirixido a persoas, tanto profesionais como afeccionadas, proxectos ou colectivos, que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega ou fóra de Galicia, pero con claras referencias nos seus contidos e obxectivos á cultura galega. Enténdese que o contexto cultural no que se convoca este premio son aquelas iniciativas que teñen cabida dentro dalgunha das modalidades que se relacionan tradicionalmente no marco xenérico da cultura e, por extensión, de actualidade e de perspectivas de futuro, no novo concepto das industrias culturais e creativas: Artes Escénicas, Artes Plásticas, Audiovisual, Etnografía, Letras, Música, Patrimonio Histórico e Cultural, Industrias culturais e creativas, e Proxección exterior da cultura galega.

Concederanse tres categorías de premios: colaboración directa da Deputación de Ourense co proxecto cultural que promovan as persoas físicas, tanto profesionais como voluntarias, ou colectivos, cunha aportación de 3.000 €, 2.000 € ou 1.000 €. O premio complétase cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio, así como un diploma acreditativo.

O prazo de presentación de candidaturas rematará o 13 de setembro de 2021, e a decisión do xurado en que se resolva a concesión dos premios farase pública a través dos medios de comunicación e da web da Deputación de Ourense nos días previos a celebración da Ourense ICC Week 2021.