Aberto o prazo de presentación de traballos ao XVIII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración

Cartel XVIII Pura Dora Vazquez.21

• Os orixinais deberán tomar como base a obra premiada na modalidade de narración, O clube de coleccionistas de selos, do escritor Pablo Nogueira

Ourense, 3 de agosto de 2021.- A Deputación de Ourense vén de abrir o prazo para a presentación de traballos ao XVIII Premio "Pura e Dora Vázquez" de ilustración, dotado con 1.500 euros e ao que poderán presentarse obras orixinais que servirán para ilustrar o texto premiado neste mesmo certame na modalidade de narración: O clube de coleccionistas de selos, do escritor Pablo Nogueira. O prazo de presentación de traballos rematará o 30 de setembro.

As bases do certame -publicadas no BOP número 127 do pasado 7 de xuño- sinalan que poderán concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade, que deberán presentar non menos de dez orixinais coas medidas establecidas, tendo en conta que estas láminas estarán repartidas ao longo do texto conformando finalmente un libro que editará a institución provincial.

As obras que opten ao premio irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre coas láminas introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurarán o pseudónimo e o título da obra, e no seu interior os seguintes datos: nome e apelidos do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e número de DNI.

Cando as obras se envíen por correo certificado deberá remitirse por correo electrónico á dirección This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal. No caso das obras remitidas por correo ordinario deberá figurar no xustificante a data do envío, que non poderá ser posterior ao 30 de setembro, día no que remata o prazo de presentación de orixinais.

O xurado será o mesmo que na modalidade de narración e estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou a persoa en que delegue, e catro vogais de distintos ámbitos da cultura galega propostos polos grupos políticos da Corporación. A secretaria será a xefa da sección de Arquivo e Publicacións. O premio, que poderá declararse deserto se o xurado así o considera, será entregado no acto de presentación do libro que editará a Deputación formado polo texto galardoado na modalidade de narración e polos traballos premiados na modalidade de ilustración.

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de ceder estes dereitos a terceiros. O beneficiario do premio comprométese a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os dereitos da publicación, recibindo xunto ao premio en metálico vinte exemplares da obra editada.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de Publicacións.