Manuel Baltar destaca na entrega dos premios Alecríns “o papel dinamizador e embaixador dos emigrantes galegos en Cataluña”

Premios FEGALCAT 2021 1

• O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe en Lalín na entrega dos premios Alecríns que anualmente concede a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Fegalcat)

Ourense, 10 de agosto de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na entrega dos premios Alecríns que anualmente concede a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Fegalcat), acto no que destacou "o papel dinamizador e embaixador dos emigrantes galegos en Cataluña, así como o firme apoio e compromiso do goberno provincial ourensán coa emigración".

Na gala celebrada no Auditorio de Lalín, o presidente provincial desexou os mellores éxitos aos representantes de Fegalcat e expresou os seus parabéns aos 15 galardoados na presente edición, destacando que o seu traballo nas máis diversas facetas "caracterízase pola defensa dos intereses de Galicia, polo orgullo de pertencer a esta terra e por unha traxectoria marcada polo éxito ao non esquecer as súas raíces".

Manuel Baltar, que pronunciou estas palabras na clausura dunha gala na que tamén interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Lalín, José Crespo, foi o encargado de entregar o Premio Alecrín á Innovación Tecnolóxica, que recaeu no bloguero Alberto Rivas polo seu labor nas redes sociais como medio de información.