Manuel Baltar aposta en Niñodaguia por unha olería “que non só ten carácter histórico, senón tamén futuro como actividade económica”

VII Encontro Cacharreiros Xunqueira Espadanedo 1

• O presidente da Deputación de Ourense participou esta mañá na inauguración do VII Encontro de Cacharreiros que se celebra hoxe venres e mañá sábado no Museo Taller de Olería de Xunqueira de Espadanedo, con obradoiros, exhibicións de artesáns, debates sobre as chamadas "profesións do barro", unha exposición fotográfica con imaxes históricas e un espectáculo de música e danza

Ourense, 13 de agosto de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá na inauguración do VII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia que se celebra hoxe venres e mañá sábado no Museo Taller de Olería de Xunqueira de Espadanedo, onde apostou por manter un sector "que non só ten un carácter histórico que temos a obriga de conservar, senón que tamén posúe futuro como actividade económica".

Xunqueira de Espadanedo, dixo Baltar, "ten un elemento característico que non teñen outros concellos, un sector propio fortemente vinculado á cultura e ao pasado deste territorio, onde moitos veciños tiñan na olería o seu modo de vida, pero non podemos mirar só cara atrás, senón que temos que apostar por unha actividade que pode converterse nunha oportunidade de desenvolvemento para este concello".

O presidente provincial afirmou que "desde a Deputación imos apoiar as iniciativas que xeren dinamismo ao redor desta actividade, como cando hai cinco anos contribuímos decisivamente a poñer en marcha o museo taller onde mantemos viva esta tradición, grazas a unhas instalacións que, por exemplo, ofrecen aos máis cativos a posibilidade de que fagan maxia coa terra utilizando as súas mans".

No acto de inauguración do VII Encontro de Cacharreiros, o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, agradeceu o compromiso do presidente provincial co museo, "que desde novembro de 2016 permítenos valorizar a olería como o un dos nosos máis prezados patrimonios, tendo sobre todo en conta que Niñodaguia é o único lugar da provincia no que se mantén viva esta actividade, que queremos que teña moito máis que pasado".

O programa de actividades deste encontro inclúe obradoiros para rapaces e rapazas, exhibicións de artesáns que mostrarán as técnicas no manexo do barro e visitas interpretativas ao museo, así como unha mesa de debate, mañá sábado, na que se analizará o pasado e o presente das "profesións do barro", pero de xeito particular o seu futuro. O programa rematará cun espectáculo de danza que pretende pór en valor a olería, xa que a música soará a partir do son das olas.

Tamén hoxe inaugurouse unha exposición fotográfica composta por unha colección de 25 instantáneas de gran calidade realizadas polo fotógrafo de Allariz José Suárez nos anos 30 do pasado século, coa finalidade de facer unha película que nunca conseguiu realizar ao impedirllo a ditadura. Non obstante, estas imaxes transcenderon non só como recordo daquela época, senón polo feito de que foron utilizadas por Ramón Otero Pedrayo na súa obra Historia de Galicia para falar da olería. A exposición permanecerá aberta ata finais do verán e tralo seu peche as fotografías pasarán a formar parte dos fondos do museo, grazas á doazón realizada polo José Suárez Canal, herdeiro do fotógrafo.