Máis de 200 deportistas disputarán o domingo o I Descenso “Ourense Provincia Termal” de piragüismo no río Miño

Presentacion I Descenso Ourense Provincia Termal

• No acto de presentación da regata, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou que "este será o primeiro de moitos descensos e no que quererán participar os mellores deportistas", destacando "a forte vinculación que teñen os deportes náuticos coa nosa provincia e a excepcional postal que esta regata ofrecerá ao público dunha ruta termal única".

Ourense, 13 de agosto de 2021.- Máis de 200 deportistas chegados de toda Galicia, de diversos puntos de España e de Uruguai participarán o domingo, 15 de agosto, no I Descenso "Ourense Provincia Termal. Memorial Chelis" de piragüismo que se disputará ao longo dun percorrido de 17 quilómetros polo río Miño, entre a capital ourensá e o balneario de Laias pasando por cinco concellos. "Unha proba que se converterá nunha homenaxe á auga que identifica á nosa provincia, ao turismo deportivo pero tamén á alta competición, atravesando todo un emblema de Galicia como é o Miño", dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no acto de presentación da regata celebrado esta mañá xunto á ponte romana da cidade.

"Asistimos hoxe ao nacemento dun evento do que estamos seguros que será o primeiro de moitos descensos e no que quererán participar os mellores deportistas", dixo Baltar, destacando "a forte vinculación que teñen os deportes náuticos coa nosa provincia e a excepcional postal que esta regata ofrecerá ao público dunha ruta termal única". O presidente provincial comprometeu o apoio da Deputación a unha competición que cualificou como "unha auténtica festa que sen dúbida merece a persoa cuxo nome leva esta proba e que puxo moitisima paixón neste deporte", referíndose así a José Luís González Chelis, fundador da Escola Ourensana Municipal de Piragüismo e finado hai agora tres anos. Vinculado desde os anos 60 do pasado século ao clube Alcalá Galiano e colaborador cos clubs Fontefría de Muíños e Pena Redonda de Ourense, entre o seu palmarés figura unha medalla de prata na categoría K4-1000 nos Xogos Olímpicos de Montreal de 1976.

No acto desta mañá tamén estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Ourense, Jorge Pumar; o xefe territorial de Presidencia da Xunta, Manuel Pardo; a xerente do Inorde, Emma González; e o presidente da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández Bermejo.

Jorge Pumar puxo de relevo a importancia dunha regata "que ningunha cidade europea pode facer, xa que vai discorrer pola ruta termal do Miño mostrando todo o potencial que temos na cidade neste ámbito en espazos como A Chavasqueira, O Tinteiro, o Muíño da Veiga e Outariz, ademais da área termal de Barbantes e o balneario de Laias, estes dous últimos no Concello de Cenlle". Pola súa parte, Manuel Pardo destacou "a importancia que teñen as actividades deportivas como reclamo turístico, máis aínda coincidindo coa celebración do Xacobeo", mentres que José Luis Fernández Bermejo agradeceu o apoio da Deputación e subliñou o esforzo realizado para organizar unha proba "que nace con vocación de continuidade e coa intención de ser un referente no deporte ourensán e galego, e co sono de que tamén o sexa a nivel internacional".

Entre os máis de 200 inscritos figuran deportistas de primeiro nivel como Iván Alonso, cinco veces campión do mundo; os vixentes campións do Descenso do Sella, Miguel Fernández Castañón e José Julián Becerro; e o vencedor en varias ocasións do Descenso do Sil, Fernando García Viso.

Cun percorrido de 17 quilómetros, o descenso en piragua pola ruta termal do Miño pasará polos concellos de Ourense, Barbadás, Toén, Punxín, Cenlle e Castrelo de Miño e rematará no balneario de Laias, permitindo ao público o seguimento da proba desde a senda peonil que chega ata Ramirás, pasando por Untes, Outariz e Reza.

A regata, que comezará ás 11.30 horas, terá tres puntos de saída segundo as categorías. Desde a praia da Antena, entre a ponte nova e romana, partirán os palistas senior K1 e K2. Na Chavasqueira comezará a competición en máster e xuvenil K1 e K2, ademais de máster, senior e xuvenil C1 e C2. Xa en Alongos, no Concello de Toén, estará situada a saída para cadetes en K1, K2, C1 e C2, así como tamén para o paleo a pe (padel surf) nas categorías máster, senior, xuvenil e cadete. Neste mesmo punto está previsto un "porteo" ou travesía a pe coa piragua, no que os deportistas deberán percorrer por terra unha distancia de 400 metros ata regresar de novo ás augas do río.