Manuel Baltar aplaude o nacemento do festival “Espírito Ribeiro” como exemplo de colaboración e promoción supramunicipal

Festival Espirito Ribeiro 1

• Os concellos de Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle organizan a primeira edición deste evento, que se celebrará do 3 ao 5 de setembro nos tres escenarios, para a proxección da comarca a través do seu produto máis xenuíno, o viño da Denominación de Orixe Ribeiro, incluíndo no seu programa tres días de actividades con espectáculos musicais, zonas gastronómicas co viño, produtos de proximidade e artesanía local

Ourense, 24 de agosto de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na presentación da primeira edición do festival "Espírito Ribeiro" promovido polos concellos de Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, que se celebrará do 3 ao 5 de setembro nestes tres escenarios mesturando espectáculos de música, zonas dedicadas ao viño da denominación de orixe e un mercado con produtos de proximidade e artesanía local. Unha iniciativa que Manuel Baltar aplaudiu polo que supón de "exemplo de visión supramunicipal para promocionar unha postal perfecta da provincia de Ourense, axuntando auga, termalismo, patrimonio, viticultura, historia e tradición".

O presidente provincial expresou os seus parabéns aos alcaldes dos tres concellos –Rodrigo Aparicio de Arnoia; Avelino Pazos de Castrelo de Miño; e José Manuel Rodríguez de Cenlle- por facer deste proxecto "unha mostra de cooperación e paixón, dous ingredientes sen os que nada se pode facer, e aos que nos unimos tanto a Deputación de Ourense como a Xunta de Galicia para dar pulo a un festival que nace con vocación de permanencia para se converter nun referente".

"Todos os territorios de Ourense son medalla de ouro –dixo- aínda que O Ribeiro é unha historia de superación polas xentes que traballan na denominación de orixe máis antiga de Galicia e das que máis historia teñen en España, producindo un viño que mesmo Cristobal Colón levou a América, pero que tamén viu nacer a personaxes senlleiros no mundo do deporte e do cine, así como grandes empresas agroalimentarias de España con selo ourensán".

Baltar afirmou que o festival "Espírito do Ribeiro" ten as portas abertas da colaboración para próximas edicións, "sobre todo cando costa tanto botar a andar proxectos como este nos momentos actuais e que ofrecerá aos público un cartel difícil de reunir, pero posible grazas ao traballo do xestor cultural Juan Rivas".

No Ribeiro, entre os viñedos da adega Ramón de Casar e xunto aos alcaldes dos concellos organizadores e ao presidente provincial tamén interviñeron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares; e o chef Gerson Iglesias en representación de Cociña Ourense.

Tres días de actividades

Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle serán as sedes da primeira edición do " Espírito Ribeiro", un festival creado para a proxección da comarca a través do seu produto máis xenuíno, o viño da Denominación de Orixe Ribeiro, incluíndo no seu programa tres días de actividades con espectáculos musicais, zonas gastronómicas co viño, produtos de proximidade e artesanía local.

O festival, deseñado para todos os públicos, con aforos limitados e previa solicitude de invitación, comeza o venres 3 de setembro en Arnoia coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Sergio Pazos presentará o seu espectáculo "Contaxiándonos de humor"; Xoán Curiel reinterpretará as cantigas dos trobadores medievais galegos; e o grupo Bafana Bafana versionará os mellores temas do pop español.

O sábado, día 4, en Castrelo de Miño, o Mago Teto abrirá a xornada cun espectáculo para todos os públicos; a ourensá Natalia Kendra interpretará música soul e Amparo Sánchez cantará temas da súa banda Amparanoia. A última sesión do festival, o domingo día 5 en Cenlle, contará coa actriz e humorista ourensá Ledicia Sola, o novo traballo de Festicultores e o grupo Broken Peach.