A Deputación e a asociación “Red Mundo Atlántico†asinan un convenio para impulsar o deseño de contidos na “Mobile Week Ourenseâ€

Convenio Mundo Atlantico Mobile

• O presidente provincial, Manuel Baltar, destacou a importancia deste acordo de colaboración, que reforza "a vinculación do noso territorio coa innovación e outórgalle unha visibilidade de primeira orde no ámbito da vangarda tecnolóxica internacional nas edicións dos próximos tres anos"

Ourense, 2 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Asociación "Red Mundo Atlántico", Mariano Gómez-Ulla, asinaron hoxe no Pazo Provincial un convenio de colaboración para impulsar a celebración en Ourense durante os próximos tres anos da "Mobile Week", cita de referencia mundial no sector tecnolóxico que na súa primeira edición na provincia desenvolverase do 19 ao 23 de novembro "vinculando de modo directo ao noso territorio coa innovación e outorgándolle unha visibilidade de primeira orde no ámbito da vangarda tecnolóxica internacional", afirmou Manuel Baltar.

O presidente provincial subliñou a importancia deste acto, en tanto supón un paso máis cara a organización en Ourense da "Mobile Week" logo da sinatura o pasado 29 de xuño, no marco do Mobile World Congress 2021 e co CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, do convenio de colaboración que permitirá celebrar este evento en Ourense nos anos 2021, 2022 e 2023. "Unha extraordinaria oportunidade -dixo- para achegar a tecnoloxía aos cidadáns a través dun evento que, desde a súa primeira edición en 2017, xa é un espazo de referencia, debate, reflexión e participación en torno á transformación dixital".

A Asociación "Red Mundo Atlántico" é unha entidade que, como impulsora de contidos, colabora coa Mobile World Capital Barcelona, titular da marca "Mobile Week". Co convenio asinado esta mañá, a Deputación e maila asociación traballarán de modo conxunto para involucrar á sociedade ourensá -empresas e particulares- na celebración deste evento.

Non obstante, apuntou Manuel Baltar, "o documento recolle outras vías de colaboración para desenvolver actividades e proxectos vinculados ao 5G, a implantación de tecnoloxías emerxentes en Ourense, a aceleración de "Starups", o fomento do emprendemento conectando ciencia e tecnoloxía, e o deseño de iniciativas que axuden a formar a profesionais en habilidades dixitais, atraendo talento ao "hub" dixital de Ourense".

A cita de novembro, engadiu, "demostra con proxectos reais a liña estratéxica que vimos levando a cabo desde a Deputación, vinculando á provincia coa innovación e coa tecnoloxía a través doutras iniciativas, como a próxima posta en marcha do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional ou o edificio Provincia Intelixente que, xunto coa Fundación Abanca, acolle a máis alta concentración de autoemprego tecnolóxico do territorio".