A Deputación pon en marcha “Raia Termal en ruta” para promocionar o turismo no territorio transfronteirizo Ourense-norte de Portugal

Programa Ruta Termal en Raia 1

• Un novo proxecto internacional, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, "para divulgar o noso patrimonio, cando en momentos de pandemia e pospandemia como estes a xente busca benestar, desconexión e natureza, valores que posuímos na provincia de Ourense e Portugal".

• Un autobús promocional percorrerá máis de 1.500 quilómetros e visitará máis de 25 puntos durante os próximos dez días, incorporando como novidades unha oficina de turismo dixital e a participación dos universitarios becados no plan Erasmus Rural

Ourense, 8 de setembro de 2021.- A Deputación de Ourense puxo hoxe en marcha unha iniciativa de difusión turística do territorio transfronteirizo Ourense-norte de Portugal que, baixo o nome "Raia Termal en ruta", promocionará os valores e recursos desta área mediante un autobús promocional que percorrerá máis de 1.500 quilómetros e visitará máis de 25 puntos durante os proximos dez días, incorporando como novidades unha oficina de turismo dixital e a participación dos universitarios becados no plan "Erasmus Rural". Un novo proxecto internacional, afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, "para divulgar o noso patrimonio, cando en momentos de pandemia e pospandemia como estes a xente busca benestar, desconexión e natureza, valores que pousímos na provincia de Ourense e Portugal".

No marco do programa "Raia Termal", financiado polo con fondos europeos FEDER a través do programa Interreg, "o autobús que arranca hoxe desde Ourense vai permitirnos valorizar o territorio e o seu patrimonio termal -engadiu Baltar- afondando nos vínculos históricos, culturais, sociais e naturais que temos entre Ourense e Portugal como pobos irmáns". Neste sentido, abondou, o autobús non só visitará os cinco concellos da provincia e do norte portugués que integran o programa europeo -Lobios, Bande, Muíños, Cortegada, Melgaço e Terras de Bouro- "senón que viaxará cara outras importantes capitais como Porto, Vigo, A Coruña ou Santiago de Compostela". O percorrido rematará en Ourense, coincidindo coa celebración da feira Termatalia os días 16 e 17 de setembro.

O presidente provincial tamén subliñou outra das novidades que inclúe esta iniciativa, como a participación dos vinte titulados universitarios que foron becados coas bolsas Erasmus Rural, "destinadas a xente moza para estudar e divulgar o noso territorio e os seus recursos reforzando a atención aos turistas, iniciativa que é consecuencia directa doutro proxecto financiado polo Fondo Social Europeo, o programa EmpredOU, polo que máis de cen mozos e mozas menores de 35 anos puxeron en marcha proxectos de autoemprego ou emprendemento no seu concello de residencia, axudando a fixar poboación, emprego e riqueza no rural".

"Raia Termal en ruta" incorpora unha segunda novidade: unha oficina de turismo dixital que a través de códigos QR permitirá descargar desde un mapa a unha colección de postais cos recursos turísticos máis importantes do territorio, pasando por vídeos promocionais ou ata un cómic ambientado nos municipios transfronteirizos que conforman o proxecto. Non obstante, o elemento dixital máis importante radica na posibilidade de facilitar aos balnearios, empresas e administracións locais a transformación dixital da súa oferta, permitindo aos viaxeiros reservar e comprar a través de internet os servizos turísticos da área transfronteiriza.

O proxecto Raia Termal, que estará presente en próximas feiras do sector, ten como obxectivo poñer en valor os espazos naturais e fomentar un turismo termal de calidade, nacional e internacional, nos ámbitos relacionados co lecer, a saúde e o patrimonio, favorecendo a actividade económica das poboacións limítrofes de Ourense e o norte de Portugal. Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg, ademais dos concellos citados tamén participan como socios a Deputación de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.