Manuel Baltar: “A declaración da Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera é un día de celebración pero tamén de novas responsabilidades”

Reserva Biosfera Ribeira Sacra 2

• No mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, onde se celebrou un acto de recoñecemento a esta distinción, o presidente provincial subliñou que "a Deputación de Ourense estivo sempre ao carón do futuro desta impresionante área natural, pero non só desde o punto de vista medioambiental, senón tamén reactivando a candidatura como patrimonio mundial da humanidade"

Ourense, 15 de setembro de 2021.- "A declaración da Ribeira Sacra como Reserva Mundial da Biosfera é un día de absoluta celebración pero tamén de novas responsabilidades para manter este espazo e conseguir, coa axuda das institucións e da colaboración público-privada, que tamén a medio prazo reciba por parte da Unesco a declaración de Patrimonio da Humanidade". Así valorou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a decisión adoptada esta mesma tarde na cidade nixeriana de Abuja polo Consello Internacional de Coordinación do Programa Men and Biosphere (MaB), que concedeu a súa distinción á Ribeira Sacra e ás serras do Oribio e Courel.

No mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, ata onde se desprazou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para celebrar un acto de recoñecemento e apoio á sétima Reserva da Biosfera de Galicia, Manuel Baltar destacou que esta declaración "vai dotar dunha protección extra a unha paraxe maxestuosa que engloba a 23 concellos das provincias de Ourense e Lugo".

O presidente provincial subliñou que "a Deputación de Ourense estivo sempre ao carón do futuro desta impresionante área natural, pero non só desde o punto de vista medioambiental, senón tamén reactivando a candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio mundial da humanidade". Pouco máis de dúas horas despois da resolución do Consello Internacional de Coordinación do Programa Men and Biosphere, "é o momento de expresar a nosa enorme alegría, tendo en conta ademais que é o único espazo de España en recibir esta distinción, pero tamén é un novo punto de partida nesa estratexia pola que tanto vimos traballando para que, nun futuro que agardamos próximo, culminemos este proceso coa declaración da Unesco".