Manuel Baltar reclama “o debido protagonismo dos gobernos provinciais no reparto dos fondos europeos como aliados dos pequenos concellos”

Comision FEMP Almeria 2021 1

De esquerda a dereita, a presidenta da Deputación de Barcelona e da Fundación Democracia e Goberno Local, Nuria Martín; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Deputación de Xaén e da Comisión de Gobernos Provinciais da FEMP, Francisco Reyes; e o presidente da Deputación de Almería e vicepresidente da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, Javier Aureliano García.


• O presidente provincial participou hoxe na reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), celebrada na Deputación de Almería e onde primou o consenso de todos os representantes institucionais, que deseñaron unha folla de ruta conxunta que dea voz aos gobernos locais

• Advertiu que "temos que ir máis aló das reclamacións feitas desde o municipalismo, falando tamén do labor que facemos coa posta a punto e o mantemento da rede de estradas provinciais ou afondando na dixitalización e na conectividade, para que non haxa territorios na sombra nos que se dificulte o desenvolvemento económico por falta dunhas boas comunicacións, esencial como vimos nos momentos máis duros da pandemia".

Ourense, 17 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reclamou hoxe "o debido protagonismo dos gobernos provinciais no reparto dos fondos europeos como defensores dunha visión integral de provincia e aliados e colaboradores dos pequenos concellos, nun momento de pospandemia no que precisamos os necesarios recursos para atender aos moitos servizos e competencias públicas que prestamos". Manuel Baltar valorou así a reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), celebrada na Deputación de Almería e onde primou o consenso de todos os representantes institucionais, que deseñaron unha folla de ruta conxunta que dea voz aos gobernos locais.

Tras un encontro no que estiveron moi presentes os fondos europeos Next Generation e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía Española, o presidente provincial incidiu "na escasa ou nula sensibilidade do goberno da nación coas entidades locais, que aínda seguen esperando unha resposta a súa reclamación de recursos", reivindicacións unánimes desde a FEMP entre as que se atopan un fondo de recuperación incondicionado de 4.000 millóns de euros, a participación nos fondos covid das comunidades autónomas e do Estado, e nos fondos europeos nunha porcentaxe mínima do 14,56 %.

Manuel Baltar, que forma parte da xunta de goberno da FEMP, advertiu que "temos que ir máis aló das reclamacións feitas desde o municipalismo, como o fondo de 1.000 millóns para o transporte –que tamén forma parte das reivindicacións da federación-, falando tamén do labor que facemos coa posta a punto e o mantemento da rede de estradas provinciais ou afondando na dixitalización e na conectividade, para que non haxa territorios na sombra nos que se dificulte o desenvolvemento económico por falta dunhas boas comunicacións, esencial como vimos nos momentos máis duros da pandemia".

Para o presidente provincial "é preciso manter a iniciativa dos gobernos provinciais para afrontar os retos aos que nos enfrontamos, como aí estivemos desde Ourense impulsando a conferencia de presidentas e presidentes de gobernos provinciais", cuxa primeira reunión celebrouse na nosa cidade, para continuar despois en Badaxoz, Segovia e Granada, e en 2022 en Valencia. Unha proposta, engadiu, "avalada pola FEMP en colaboración coa Fundación Democracia e Goberno Local, que preside a titular da Deputación de Barcelona, Nuria Marín", a cuxo grupo de dirección tamén pertence Manuel Baltar.

Traballo en rede, intercambio de experiencias, anticipación, planificación e xestión foron algúns dos aspectos destacados polo presidente provincial como fundamentais no labor de coordinación dos gobernos provinciais, "os mesmos eixos de actuación que rexen no goberno da Deputación de Ourense e que nos permitirán aprobar o próximo 24 de setembro os orzamentos de 2022, sendo de novo a primeira administración pública de España en dispoñer deste documento de xestión de entre os máis de 8.000 concellos, as 52 deputacións, as 17 comunidades autónomas e o Estado, para que o 1 de xaneiro sexan plenamente operativos os plans e programas que conlevan".

Acordos da convocatoria

Entre os acordados adoptados na reunión de hoxe da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares destaca a adhesión de todos os presentes ao manifesto dos gobernos intermedios sobre os fondos de recuperación, no que se pide que a Unión Europea recoñeza ás entidades locais como aliados estratéxicos no desenvolvemento dos fondos a fin de que ninguén, nin ningún territorio, quede atrás.

No manifesto tamén se solicita unha dotación dos fondos Next Generation para as entidades locais co propósito de que estas poidan seguir garantindo os dereitos e oportunidades dos territorios e a veciñánza e, ao mesmo tempo, que os Estados membros aseguren mecanismos efectivos de permanente diálogo para que participen na planificación, execución e seguimento dos plans de recuperación.

Na reunión deuse conta doutro documento crave: a declaración sobre os contidos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia da Economía Española da FEMP, na que se pide que as entidades locais deberán percibir o 15 % dos fondos que as comunidades autónomas recibirán de Europa e do Goberno de España en axudas directas para pemes e autónomos, 15.000 millóns de euros, unha vez descontados os gastos de sanidade. A distribución destes fondos aos concellos determinarase en función da poboación.