Manuel Baltar pide aos empresarios portugueses que impulsen “a cooperación público-privada con Ourense para ser máis fortes en Europa”

MB Empresarios Portugal 2021 1

• Na sede da Asociación Empresarial de Portugal, en Porto, onde Manuel Baltar foi convidado a un encontro económico, o presidente provincial reclamou potenciar "o traballo en rede nun mundo cada vez máis competitivo, pero no que temos que manter a nosa identidade, a historia que nos une, os lazos culturais e lingüísticos e, por suposto, as relacións económicas entre dous territorios que tamén comparten a fronteira máis extensa entre España e Portugal"

• Como presidente da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios, Partenalia, invitou aos empresarios a promover a participación de socios portugueses neste foro "facilitando así o acceso directo ás institucións de goberno comunitarias potenciando a participación en proxectos europeos"

Porto, 22 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, pediu hoxe en Porto aos empresarios portugueses que impulsen "a cooperación público-privada con Ourense para ser máis fortes en Europa, potenciado o traballo en rede nun mundo cada vez máis competitivo, pero no que temos que manter a nosa identidade, a historia que nos une, os lazos culturais e lingüísticos e, por suposto, as relacións económicas entre dous territorios que tamén comparten a fronteira máis extensa entre España e Portugal".

Na sede da Asociación Empresarial de Portugal, onde Manuel Baltar foi convidado a un encontro económico no que tamén interviñeron o presidente e administrador da asociación, Luís Miguel Ribeiro e Paulo Vaz, e o presidente da Rede Mundo Atlántico, Mariano Gómez-Ulla, o presidente provincial detallou o papel que está a xogar a Deputación de Ourense "como a institución que posúe a máis ampla perspectiva da provincia, pero que tamén posiciona o territorio en Europa liderando varias entidades".

Neste contexto e como presidente da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios, Partenalia, invitou aos empresarios a promover a participación de socios portugueses neste foro "aberto agora tamén a países que non teñan provincias -como o caso de Portugal- e facilitar así o acceso directo ás institucións de goberno comunitarias potenciando a participación en proxectos europeos", lembrando neste punto a gran experiencia da Deputación no desenvolvemento de programas comunitarios con socios lusos. Unha relación, engadiu, onde destaca "unha das áreas transfronteirizas máis integradas de Europa, a eurocidade Chaves-Verín, cunha actividade conxunta cultural, de servizos e económica de relevancia".

"Temos que estar preparados para o que vai vir, non para o que temos agora", advertiu Manuel Baltar ao falar da incertidume que rodea á distribución dos fondos Next Generation, "pero sobre todo ante o novo marco financeiro plurianual da Unión Europea 2021-2027, onde temos que loitar por ofrecer os mesmos servizos e calidade de vida ao 20 % dos habitantes que residen no 80 % do territorio comunitario, e no só destinando recursos para as zonas máis poboadas a través de criterios que non teñan ni orde nin rigor".

O presidente reclamou "potenciar este traballo en rede mediante unha sólida cooperación, labor que se chama anticipación e planificación", explicando que estas son as liñas que aplica o goberno provincial de Ourense "para poder aprobar, o próximo venres, os orzamentos para 20202, ou para ser a primeira Deputación de España en presentar unha estratexia de captación de fondos europeos con 16 proxectos tractores para a provincia".

Esta planificación, sinalou, "tamén a estamos a aplicar noutros ámbitos, preparándonos por exemplo para a chegada do AVE, como porta de entrada da alta velocidade a Galicia, que axudará a aumentar a competitividade do noso territorio e a promoción dos seus recursos como a gastronomía, a etnografía, os parques naturais, o patrimonio arquitectónico ou a cultura".

Proba das vantaxes que ofrece a cooperación, dixo, "é a oportunidade que ten Portugal de beneficiarse deste enorme salto cualitativo nas comunicacións, pois compartimos unha singularidade que non ten ningún outro territorio en Europa: o potencial termal, que en momentos de pandemia e pospandemia, onde todos temos claro que o ben máis prezado é a saúde, vai ter un protagonismo indiscutible". Ourense, con 15 vilas termais, 9 balnearios e un gran hotel balneario na capital para 2027 que estará situado no Pazo Provincial "vaise posicionar nun lugar preferente neste importantisímo sector de negocio, de novo cunha estratexia de anticipación que xa iniciamos participando na Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, primeiro como socios e agora desde a presidencia".