A Deputación de Ourense colabora coa andaina cultural “Camiño de Nós-Insua dos Poetas”

Andaina Cultural Insua-Poetas 21

Ourense, 24 de setembro de 2021.- A Deputación de Ourense colabora coa andaina cultural "Camiño de Nós – Insua dos Poetas", un roteiro para poñer en valor a cultura tradicional dos camiños. A iniciativa, organizada pola Fundación Insua dos Poetas e a Asociación de Concellos do Camiño de Nós coa colaboración da Deputación de Ourense e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, terá lugar mañá sábado, 25 de setembro, a partir das 11.00 horas desde a Ponte Veiga, no Carballiño.

Esta ruta coincide co Camiño dos Arrieiros e figura na carta xeométrica de Galicia, realizada por Domingos Fontán en 1845. Foi o camiño que escolleron, en xullo 1926 (Ano Santo) os galeguistas: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Xavier Pardo, Afonso V. Monxardín, Lois Feixóo e Antón Sánchez para peregrinar a pé dende Ourense a Compostela.

A andaina, que conta cun percorrido aproximado de 5 quilómetros, comezará en Ponte Veiga, no Carballiño e pasará por Madarnás (Igrexa) e Ponte do Eixán (Insua dos Poetas). Trátase dunha rememoración cultural na que participan xinetes a cabalo, carreteiros, arrieiros, músicos tradicionais e camiñantes en xeral. É unha achega á historia e ao patrimonio cultural e natural desta comarca, aberta ás persoas e colectivos interesados.

Os interesados en participar poderán inscribirse a través do Departamento de Cultura do Concello do Carballiño, no correo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. ou no teléfono: 662 198 615.