Coque Malla e Juan Perro, protagonistas da nova edición da “Ourense ICC Week”

Avance ICC Week 2021

• O Dolmen da Casiña da Moura de Muíños será a imaxe da sétima edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, que se celebrará do 13 ao 17 de outubro

Ourense, 24 de setembro de 2021.- A sétima edición da "Ourense ICC Week", organizada pola Deputación de Ourense, converterase do 13 ao 17 de outubro nun novo punto de encontro para expertos, emprendedoras e profesionais da creatividade para, desde diferentes puntos da provincia, debater, analizar e gozar coas propostas culturais e de lecer que ofrece a programación desta cita. A "Ourense ICC Week" volve unha vez máis a centrar a súa imaxe no patrimonio cultural da provincia, desta volta convertendo o Dolmen da Casiña da Moura, na necrópole de Maus de Salas (Muíños) no protagonista do cartel oficial desta edición.

Coque Malla será un dos nomes protagonistas nesta edición da ICC Week, nunha cita moi esperada polo músico madrileño onde se atopará de novo en directo co seu público, xa que volve aos escenarios con toda a súa banda, cun concerto o vindeiro 16 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense. O madrileño estreouse nos escenarios coa mítica banda de Los Ronaldos con só 16 anos, converténdose en poucos anos nun dos grupos de referencia do pop en español. A súa carreira en solitario acumula seis discos e temas convertidos en himnos para as novas xeracións como 'Me dejó marchar' ou 'No puedo vivir sin ti'. Coque Malla chega a Ourense cun novo espectáculo, Crac Tour, onde repasará os éxitos e os temas menos coñecidos da súa carreira en solitario, e onde non faltarán os clásicos de Los Ronaldos e os novos temas dos seus últimos traballos, 'Carma' e 'El Crac Universal'.

Santiago Auserón será outro dos artistas destacados da ICC Week. Auserón está entre os máis importantes compositores e músicos dos últimos 40 anos en España. Co seu grupo Radio Futura, do que foi fundador, desenvolveu durante mais dunha década a súa faceta de cantante e compositor, con media ducia de discos e o recoñecemento como mellor grupo de rock español en España e Latinoamérica. En 1994 arrincou o proxecto Juan Perro, onde combina tradicións musicais afroamericana, afrocaribeña e hispana, e leva gravados outros 6 discos de cancións orixinais. Juan Perro dará un concerto o 15 de outubro no Teatro Principal dentro da súa xira 'Cantos de Ultramar', onde segue mesturando a súa herdanza rockeira coa tradición musical cubana. Auserón tamén estará en Ourense para falar do seu novo libro nunha charla que quedou pendente na edición anterior polas especiais circunstancias nas que se celebrou a ICC Week.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas organizada pola Deputación de Ourense recuperará nesta edición as actividades presenciais e con público, despois da singular edición do ano pasado, na que se apostou, dadas as circunstancias, polos eventos virtuais, retransmitidos en liña. Nesta nova edición, relatorios, charlas, concertos, espectáculos e e-sports volverán vertebrar un programa repleto de actividades, que se irán desvelando con detalle nas vindeiras semanas e que permitirán consolidar á provincia como territorio creativo e de vangarda, co obxectivo de que a cita siga a ser o punto de encontro da comunidade creativa.