Manuel Baltar enxalza “a pegada en Ourense dunha lenda do cine español como Berlanga”

Homenaxa Berlanga 2

• O presidente provincial, acompañado polo neto do cineasta, participou esta tarde na homenaxe que o Festival Internacional de Cine de Ourense rendeu ao director coa inauguración da exposición "Benvido, Mr. Berlanga" na praza do Bispo Cesáreo e o descubrimento dunha placa conmemorativa do seu paso polo Ourense Film Festival no Teatro Principal.

Ourense, 26 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta tarde na homenaxe que o Festival Internacional de Cine de Ourense rendeu ao director Luis García Berlanga, coa inauguración da exposición Benvido, Mr. Berlanga na praza do Bispo Cesáreo e o descubrimento dunha placa conmemorativa do seu paso polo Ourense Film Festival no Teatro Principal. Manuel Baltar enxalzou "a pegada dunha lenda do cine español, que demostrou que todos os camiños levan a Roma, pero pasan por Ourense", facendo un percorrido pola traxectoria do cineasta no centenario do seu nacemento.

Acompañado polo seu neto, Jorge Berlanga, o presidente provincial percorreu unha mostra que recolle as 48 horas que o director estivo na capital con motivo da 10ª edición do festival, onde recibiu o premio Memoria Histórica. Con posterioridade e xa no Teatro Principal, descubriron unha placa que rememora a entrega do galardón celebrada o 17 de novembro de 2005.

De seguido comezou no Principal a proxección da película Esa pareja feliz (1951), ópera prima de Luis García Berlanga e Juan Antonio Bardem, protagonizada por Fernando Fernán Gómez, e que forma do ciclo dedicado ao cineasta, no que tamén se inclúe o filme El Verdugo (1963).