A Deputación promove a alianza entre Ecuador e a “Red Mundo Atlántico” para implantar modelos de xestión “transparentes e abertos”

Convenio Guayas Mundo Atlantico

• O Pazo Provincial acolleu hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a prefecta da provincia de Guayas (Ecuador), Susana González Rosado, e o presidente da "Red Mundo Atlántico", Mariano Gómez-Ulla, para a cooperación no ámbito empresarial, formativo, cultural e institucional, acordo impulsado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, "como froito das iniciativas de gobernanza que puxemos en marcha recentemente coa provincia ecuatoriana e a máis potente rede empresarial galega e do norte de Portugal".

Ourense, 27 de setembro de 2021.- O Pazo Provincial acolleu hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a prefecta da provincia de Guayas (Ecuador), Susana González Rosado, e o presidente da "Red Mundo Atlántico", Mariano Gómez-Ulla, para a cooperación no ámbito empresarial, formativo, cultural e institucional, acordo impulsado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, "como froito das iniciativas de gobernanza que puxemos en marcha recentemente coa provincia ecuatoriana e a máis potente rede empresarial galega e do norte de Portugal".

O presidente provincial felicitou á prefecta de Guayas por "conseguir asentar neste espazo europeo do noroeste peninsular o concepto de goberno intelixente, aberto e transparente, polo que vimos apostando desde a Deputación, e que nos permitirá avanzar xuntos no futuro con ambiciosos proxectos". Unha mostra, dixo, dos resultados que está a dar o acordo asinado en xuño pasado coa prefecta ecuatoriana durante a súa participación no Cumio Internacional de innovación e Excelencia Pública, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, "que nos vai permitir consolidar as relacións institucionais entre Ourense e Guayas para intercambiar coñecementos e experiencias de xestión pública".

Manuel Baltar tamén destacou a disposición do presidente da "Red Mundo Atlántico" para formar parte dunha alianza na que "a través dun centenar de socios achegarán a súa capacidade para xerar negocios e propoñer solucións para mellorar a calidade de vida da sociedade". Lembrou neste sentido o convenio asinado a primeiros deste mes con esta entidade para a celebración en Ourense, durante os próximos tres anos, da Mobile Week, cita de referencia mundial no sector tecnolóxico que na súa primeira edición na provincia desenvolverase do 19 ao 23 de novembro, "vinculando de modo directo ao noso territorio coa innovación e outorgándolle visibilidade a Ourense no ámbito da vangarda tecnolóxica internacional".

Para a prefecta da provincia de Guayas, o máis destacado deste convenio "é que estamos rachando coas distancias e aproximando os continentes americano e europeo cara modelos de xestión que involucran á sociedade civil, o sector formativo, o empresarial", pero tamén subliñou Susana González "ás institucións públicas que están chamadas a promover a transparencia e a participación directa en beneficio dos cidadáns".

Mariano Gómez-Ulla sumouse á satisfacción "pola colaboración que hoxe iniciamos cunha comunidade tan importante como a ecuatoriana, que nos permitirá desenvolver moitos proxectos culturais, pero ademais potenciando unha liña de traballo relacionada co empoderamento da muller, no que a prefecta ten moito interese". A Rede Mundo Atlántico, engadiu "ten como obxectivo fundamental ser un proxecto global ao longo de todo e eixo atlántico, e polo tanto todo o que teña que ver con Iberoamérica e o mundo lusófono é vital para nós".

O convenio asinado esta mañá no Pazo Provincial establece que ambas partes traballarán xuntas para "construír no Eixo Atlántico un ecosistema para os negocios e no campo social, cunha cultura integradora, potenciando o coñecemento, a innovación, o talento e os servizos a través dunha alianza sólida entre administracións, universidades e empresas".