Manuel Baltar define como “todo un luxo unir a recoñecida traxectoria de Iván Trujillo á historia do Ourense Film Festival”

Ivan Trujillo OUFF26

• O presidente provincial recibiu ao presidente do xurado internacional do OUFF26, que esta tarde recolleu no Liceo o Veliano de Honra, galardón que vén de instituír a Fundación Carlos Velo, organizadora xunto coa institución provincial do certame

Ourense, 28 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao director xeral do canal de televisión da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), Iván Trujillo, presidente do xurado internacional do OUFF26 que esta tarde recolleu no Liceo o Veliano de Honra, galardón que vén de instituír a Fundación Carlos Velo, organizadora xunto coa institución provincial do certame.

Trala firma no Libro de Honra da Deputación de Ourense, "tendo en conta o seu peso e protagonismo na historia do cinema", Manuel Baltar definiu como "todo un luxo contar coa presenza dun cineasta internacional da talla de Iván Trujillo, e máis aínda que una a súa recoñecida traxectoria á historia do festival, abrindo ás portas a unha etapa de máxima colaboración entre Ourense e México". O presidente provincial quixo destacar tamén o gran labor realizado pola Fundación Carlos Velo, coa súa presidenta Carmen Leyte á fronte, "para vincular a Trujillo, discípulo de Carlos Velo, ao Festival Internacional de Cine de Ourense, cun máis que merecido recoñecemento á súa profesionalidade e paixón pola sétima arte".

Iván Trujillo foi director xeral da Filmoteca da UNAM, director do Festival Internacional de Cine de Guadalaxara e presidente da Federación Internacional de Arquivos Fílmicos. Posúe unha longa experiencia en produción e difusión audiovisual en México, ademais de participar como xurado de diversos certames. Con diversos galardóns no seu poder por curtametraxes e series, foi condecorado Cabaleiro da Orde das Artes Letras" polo goberno de Francia e distinguido polo goberno de España coa Encomenda ao Mérito Civil.