O Parque Náutico de Castrelo de Miño acollerá por primeira vez o Campionato Galego de “Stand up Paddle”

Campionato Stand UP Paddle.1

Ourense, 30 de setembro de 2021.- O Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño acollerá por primeira vez nas súas augas o próximo 16 de outubro o Campionato Galego de "Stand up Paddle", modalidade deportiva individual que se practica en pe sobre unha táboa impulsándose cunha pa, nunha competición que incluirá dúas probas: distancia sprint e medio fondo, para as categorías elite e Sub-18, tanto masculinas como femininas. Na presentación deste campionato participaron o vicepresidente da Deputación e delegado para asuntos do Ribeiro, César Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o tenente alcalde, José Antonio Ferreiro; e o presidente da Federación Galega de Surf, Román Díez.

Os percorridos que deberán cubrir os deportistas van desde a distancia curta, cunha lonxitude 200 metros por eliminatorias de cinco participantes, e a distancia media-curta nun circuíto de 2 quilómetros e ao que deberán dar tres voltas ata completar un total de 6 quilómetros.

Os responsables da Federación Galega de Surf destacan a importancia que nesta modalidade deportiva ten a forma física, a interpretación do medio natural e a capacidade de controlar a táboa, subliñando as posibilidades que ofrece para a súa práctica tanto en zonas costeiras como en encoros de interior.