Alfredo Conde, Fillo Predilecto da Provincia como “ourensán respectado, admirado e benquerido” máis aló dos límites de Ourense

Fillo Adoptivo Alfredo Conde 1

• O escritor allaricense recibiu hoxe no Pazo Provincial unha distinción "que me honra e me obriga para os resto dos meus días", expresando a súa "gratitude sincera cara Manuel Baltar, que ten no meu entender a comprensión abondo necesaria como para levar adiante os proxectos que a nosa nación cultural reclama"

• O presidente provincial apelou á Ourensanía como "un sentimento de pertenza a unha terra, a un pobo e a unha cultura bimilenaria da que Alfredo Conde forma parte activa e destacada", lembrando a súa contribución a leis fundamentais para Galicia como a normalización lingüística, contexto no que anunciou que a Deputación realizará nun concello da provincia "un traballo de campo que permita determinar o estado do idioma galego nun espazo territorial que tamén integra e engrandece a Galicia"

• Nun solemne acto no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o escritor verinense Xosé Carlos Caneiro reclamou para Conde unha cadeira na Real Academia Galega

Ourense, 25 de outubro de 2021.- O escritor allaricense Alfredo Conde Cid recibiu hoxe no salón de plenos do Pazo Provincial o título de Fillo Predilecto da provincia de Ourense, nun solemne acto presidio polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, os portavoces dos grupos representados na corporación provincial, familiares e amigos do homenaxeado e representantes de entidades culturais ourensás e galegas. Unha distinción impulsada polo propio presidente provincial, confirmando así a condición de Alfredo Conde como "ourensán respectado, admirado e benquerido, pero non só nos límites territoriais desta provincia".

No seu discurso, Manuel Baltar apelou á Ourensanía como "un sentimento de pertenza a unha terra, a un pobo e a unha cultura bimilenaria viva, que perdura, da que Alfredo Conde forma parte activa e destacada", afirmando que no espírito desta distinción atópase a figura dun ourensán que "endexamais traballou pensando nos premios, nas medallas e nos galardóns", tomando estas palabras do fundador do movemento Solidariedade e expresidente polaco, Lech Walesa.

Puxo de relevo "o abraiante labor do Alfredo Conde novelista, poeta, dramaturgo, guionista, entrevistador, viaxeiro e constante articulista na prensa de Galicia e noutras importantes cabeceiras de España e de Iberoamérica". Un persoeiro, dixo, "que destaca no sistema literario galego, e tamén no español, pola calidade, variedade e alcance dunha obra amplamente traducida ao inglés, francés, italiano, chinés e ruso, con nada menos que once títulos".

Resulta grato lembrar en Ourense, afirmou, que cunha obra como Xa vai o griffon no vento, "Alfredo Conde obtivo o Premio Blanco Amor de novela en 1984 e que sería merecente do Premio Nacional de Literatura en 1986, o primeiro por unha obra escrita en lingua galega". Un libro no que o gran actor," como na meirande parte da obra do noso homenaxeado, é o verbo, a palabra que prende e que nos leva a reflexionar sobre o poder, a liberdade, a tolerancia, as grandezas e as miserias, pero que só o seu bo uso e a imaxinación converten en literatura".

Ademais de recordar ao homenaxeado como mariño mercante e mestre que foi, destacou tamén ao cidadán "comprometido contra a ditadura" que asumiu responsabilidades políticas en Galicia hai catro décadas contribuíndo ao desenvolvemento do Estatuto de Autonomía e leis fundamentais como a de normalización lingüística. Manuel Baltar profundou neste último aspecto para "alertar sobre a saúde da lingua propia de Galicia", como fixo en datas recentes Víctor Freixanes, tralas negativas conclusións sobre o uso da lingua galega no ámbito escolar nun estudo do Concello de Ames.

Neste sentido, o presidente da Deputación anunciou a súa intención de realizar nun concello da provincia, "de similares características ao de Ames, un traballo de campo, levado a cabo por un equipo de sociolingüistas competentes, que permita determinar o estado do idioma galego nun espazo territorial que tamén integra e engrandece a Galicia, sempre disposto a promover o uso e a pervivencia do idioma propio".

Chamamento a manter "a nación cultural que herdamos"

Alfredo Conde comezou a súa intervención expresando a súa "gratitude sincera cara Manuel Baltar, presidente que é da miña provincia e que ten no meu entender a comprensión abondo necesaria como para levar adiante os proxectos que a nosa nación cultural reclama", destacando a súa sensibilidade "cara os temas referidos á nosa cultura máis propia, prestándolle unha atención e medida tal que nos obriga a todos a manter mil esperanzas para o futuro común, con moita máis confianza que na maioría dos políticos que nos rodean". Unha gratitude que tamén dirixiu cara o presidente da Xunta, "o presidente do meu país, pola súa asistencia e amizade coa me distingue, así como a sensibilidade sempre precisa e necesaria nun político cara os actos que reflictan a condición cultural dos cidadáns".

Agora, dixo, "esta distinción que me honra e me obriga para os resto dos meus días", afirmando con humildade que moito teñen que ver "un feixe de rapaces que fixemos o bacharelato no instituto do Posío, que vivimos os tempos inmediatos á cruel guerra civil, que formamos parte dun amplo conxunto de amigos con indiferenza das opcións persoais de todo tipo, e que recorreron os 92 concellos da provincia recollendo as sinaturas que deberían presentar ao noso presidente provincial solicitando para min este título".

Entre os ourensáns que merecen esta distinción, entre os que incluíu aos seus compañeiros de promoción que desde os máis diversos ámbitos "axudaron a solventar a frustación dicíase secular do noso territorio", afirmou que hai outros escritores máis, citando expresamente a Xosé Carlos Caneiro, autor da Laudatio. Os homes pasan mentres permanece a cultura, declarou, "e de nós sobrevivirá aquilo que teña que ver coa nosa dedicación literaria, axudando a construír a nación que necesitamos, a manter a nación cultural que herdamos dos nosos devanceiros e que recibimos nun estado de pureza que acaso hoxe non estea debidamente conservado".

Conde merece "unha cadeira na RAG"

O acto celebrado esta tarde no Pazo Provincial comezou coa Laudatio do escritor e xornalista verinense Xosé Carlos Caneiro, afirmando que "a honra que recibe Alfredo Conde hónranos tamén aos galegos e ourensáns", para engadir que "somos cultura ou non somos nada; somos literatura, que é o que nos define, o noso gran patrimonio, o investimento público ou privado máis eficaz e venturoso". Criticou Caneiro con firmes palabras que "despois da súa brillante traxectoria, Alfredo Conde non posúa cadeira na Real Academia Galega", o que entende que "esta RAG con escasa presenza de Ourense entre os seus membros, non está á altura de Galicia".

O Vicepresidente da Deputación, César Fernández, en calidade de instrutor das dilixencias, deu lectura pola súa banda ao expediente de honra no que se propón esta distinción a Alfredo Conde "como recoñecemento do noso pobo a un destacado veciño, cunha fructífera traxectoria no ámbito literario que o sitúa como un dos escritores máis salientables que deu o noso país".

Un escritor recoñecido internacionalmente

Alfredo Conde (Allariz, 1945), estudou na Escola Superior de Náutica na Coruña e na Universidade de Santiago de Compostela, traballando na mariña mercante, como profesor en varios colexios e mesmo exercendo como libreiro e debuxante. O seu recoñecemento está vencellado ao ámbito literario, sendo un dos máis importantes expoñentes do renacemento en literatura galega producido coa restauración democrática, así como un dos autores de maior proxección internacional das letras galegas contemporáneas, tendo cultivado os xéneros da novela, o relato e a poesía.

Na súa faceta de novelista destacan obras como "Momentos de vivos", "Breixo", "Memorias de Noa", "Xa vai o grifón no vento", " O contubernio", "Sempre me matan", " Azul cobalto", "Memorias inciertas del hombre lobo" ou "Hueso de santo", moitas das cales foron traducidas ao inglés, taliano, chinés, francés e once das súas obras ao ruso.

A súa obra literaria ten acadado varios premios e distincións, como os Premios da Crítica Literaria Española e de Galicia (1981), Premio Banco Amor (1984), Premio Nacional de Literatura (1986), ou o Premio Nadal (1991). Tamén recibiu a distinción de Doutor en Letras Latrube Univertity of Melbourne (Australia), o premio Internazionale Civilta delle Minorancia, a distinción de Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras de Francia ou o Gran Cordón da Orde do Mérito, concedido polo Goberno de Caracas (Venezuela). Destaca tamén polo seu labor como articulista e colaborador en El Pais, Diario 16, ABC, Lemonde, La Voz de Galicia ou El Correo Gallego, recibindo os premios nacionais de Periodismo Fernández La Torre e Julio Camba.

Involucrado en movementos sociais de ámbito galeguista, foi fundador do grupo Voces Ceibes que aglutinou aos autores da Nova Canción Galega, ademais de membro fundador da Asociación de Escritores en Lingua Galega, socio do Club de Periodistas galegos en Madrid, e primeiro presidente do PEN Club de Galicia.

A súa inquietude levouno tamén á política, sendo deputado no Parlamento de Galicia en dúas lexislaturas e conselleiro de Cultura no goberno presidido por Fernando González Laxe.