Manuel Baltar: “Os orzamentos de 2022 demostran que a Deputación ten capacidade de seu para responder a calquera continxencia”

MB Parlamento Galicia 21 1

• O presidente da Deputación de Ourense compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do proxecto económico para o próximo ano, "onde seguiremos vendo as vantaxes de acadar hai tempo a débeda cero da institución, actuando cunha visión integral de provincia que se erixe como a mellor aliada dos concellos e piar básico para o funcionamento e xestión de entidades económicas, culturais e sociais da provincia de Ourense

• Pediu aos membros da comisión "que fagan o rol de transmisores" na reivindicación da participación das entidades locais nos tributos da comunidade autónoma e na inclusión de Ourense como futura ubicación de proxectos tractores da economía galega que concorran aos fondos Next Generation

Ourense, 2 de novembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do orzamento da Deputación de Ourense para o ano 2022, que sobre a base da anticipación, da previsión e da planificación "demostran que a Deputación ten capacidade de seu para responder a calquera continxencia ou situación extraordinaria, como fixemos neste 2021 ante a pandemia". Unha capacidade de resposta que tamén enmarcou na súa intervención en comisión parlamentaria "como fixen sempre, por entender que se trata dunha obriga política, dentro do respecto institucional e a cooperación, palabras máxicas na acción pública".

Coa aprobación do orzamento da Deputación de Ourense de 2022 o pasado 24 de setembro, "de novo a primeira administración pública de España, a calquera nivel territorial, en facelo", Manuel Baltar subliñou que o goberno provincial que preside cumpriu un ano máis "co único plan de mandato -o Plan 7273- presentado ao electorado galego nas eleccións locais de 2019, o mesmo que faremos en 2023 con ocasión das eleccións do 28 de maio". Unha estratexia de planificación que non só se limita ao orzamento, destacou, pois a Deputación ourensá tamén presentou "antes que ningún outro goberno provincial do Estado -e somos 52- unha Estratexia de Captación de Financiación Europea para a provincia no período 2021-2027", tanto para os fondos Next Generation como para o novo marco financeiro plurianual da Unión Europea, 18 proxectos tractores pensados para outorgar beneficios directos a tódolos concellos do territorio".

No tocante ao orzamento, Baltar explicou que o proxecto económico ascende a 85,7 millóns de euros, os máis altos da historia da Deputación, cun 7 % máis que supón un aumento de 6 millóns de euros con respecto ao exercicio anterior, "onde seguiremos vendo as vantaxes de acadar hai tempo a débeda cero da institución, actuando cunha visión integral de provincia que se erixe como a mellor aliada dos concellos e piar básico para o funcionamento e xestión de entidades económicas, culturais e sociais da provincia de Ourense".

Programas e proxectos estratéxicos

Este, dixo, "é o orzamento da cooperación cos concellos e coa veciñanza, facendo especial fincapé nos aspectos medioambientais, sociais e culturais". Neste sentido explicou algunhas das liñas de traballo e áreas estratéxicas que recolle o documento, como o Plan de fomento do emprego (1.830.000 €); as axudas á natalidade (300.000 €); as axudas a concellos para actuacións relacionadas coa mocidade (549.000 €); o plan para gastos correntes destinado a aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria; o programa de acción social (1.200.000 €); o financiamento aos GES na parte que deberían aportar os concellos con case un millón de euros; o Consorcio Provincial de Incendios (máis de 1,4 millóns); deportes (350.000 €); o Plan Tarazana de actividades culturais e recreativas (150.000 €); a reparación e mantemento das vías provinciais (1.300.000 €); os preto de 4,6 millóns en transferencias de capital aos concellos para os seus investimentos; e outras actuacións como o plan provincial de cooperación ás obras e servizos, o programa BenOurense de servizos sociais municipais, ou o plan Ourense, a provincia termal, "que estarán plenamente vixentes e operativos o 2 de xaneiro de 2022".

Con todo, engadiu, a xestión do goberno provincial tamén fixo posible que a través do seu orzamento se materializasen outros proxectos estratéxicos, entre os que citou a apertura, en semanas, do Centro Galego de Innovación na FP "Eduardo Barreiros" como aposta da Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia; a continuación do futuro Parque Acuático de Monterrei, tamén froito da cooperación co goberno galego; a sede no Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño dun evento deportivo internacional como a "Coupe de la Jeunesse" de 2022; a transformación da estación de montaña de Manzaneda nun referente dentro do ecosistema de turismo deportivo que puxemos en marcha hai anos dende o INORDE; a aposta por incrementar o peso da Deputación no Parque Tecnolóxico de Galicia, "o polo máis importante de I+D+i do noroeste peninsular, pegado ao parque empresarial de San Cibrao das Viñas, a zona empresarial máis ampla de toda Galicia coa que temos unha alianza permanente en infraestruturas e tamén de proxectos coa Asociación de Empresarios".

Non faltaron referencias ao proxecto EmprendOU, os plans de sustentabilidade turística da Ribeira Sacra, o recentemente aprobado Plan Ourense Termal, dotado con 3 millóns de euros, ou a tramitación, xa avalada polo goberno autonómico, do proxecto de xestión ambiental integral, "unha iniciativa de economía circular que, ademais da innovación, o crecemento económico e a mellora do impacto ambiental no noso territorio, ofrece unha solución para a xestión de residuos en liña", converténdose na única planta de produción de biometano en Galicia, localizada na comarca da Limia, con 21 millóns de euros financiados desde o sector privado, 20 empregos directos e 100 indirectos.

Recuperación económica e relacións con Portugal

No eido da recuperación económica afirmou que o goberno provincial seguirá "indo da man cos principais actores que dinamizan o territorio, sexa a Confederación Empresarial de Ourense, o Círculo de Empresarios de Galicia ou, falando de internacionalización, coa Asociación de Empresarios de Portugal coa que tamén temos asinado un protocolo de colaboración". Precisamente no referido ás relacións co país veciño nomeou "a creación da Casa da Lusofonía dentro da Rede de Casas adscritas ao Ministerio de Asuntos Exteriores, propoñendo Ourense para acoller a súa sede, tal e como a práctica unanimidade dos grupos parlamentarios nas Cortes Xerais do Estado están avalando". En 2022 "seguiremos liderando en transparencia a todos os gobernos provinciais de España", asegurou Manuel Baltar, que tamén falou da implantación o próximo ano do Plan Destino Turístico Intelixente, "pioneiro e vangardista que fará que consolidemos os mellores números da historia no turismo, que foron os de 2019 e os do mellor agosto da historia, este 2021".

A "cultura con maiúsculas" tamén estivo presente na intervención do presidente provincial, citando entre as iniciativas que recolle o orzamento de 2022 "a organización do 27 Festival de Cine de Galicia, a aposta pola produción audiovisual no territorio, pola industria cultural e creativa coa Ourense ICC Week e a Ourense Mobile Week do presente ano, así como no 2022 e 2023. Pero tamén falou de identidade e nación cultural anunciando "o mapa sociolingüístico que imos facer nun dos nosos concellos para testar a saúde da nosa lingua propia", e destacando o manifesto a prol do galego asinado este pasado sábado no Concello do Irixo conmemorando a publicación do primeiro número da revista Nós.

Representación en foros nacionais e internacionais

Para Manuel Baltar, o traballo en rede é fundamental "e por iso somos o goberno provincial de España con maior e mellor presenza nos foros nacionais e internacionais, con voz e voto, falando de territorio, de servizos e de futuro", representación que inclúe o Eixo Atlántico; a xunta de goberno da FEMP; o comité de dirección da Fundación Democracia e Goberno Local; a vicepresidencia da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Embalses e Centrais Hidroeléctricas; a presidencia da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA); a presidencia da Asociación Europea de Gobernos Provinciais (Partenalia); e a vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI).

Nas palabras do presidente provincial tamén houbo espazo para as reivindicacións, "das que agardo fagan o rol de transmisores", citando "a participación das entidades locais nos tributos da comunidade autónoma, en coherencia cos textos constitucional e estatutario, e o equilibrio territorial dispoñendo que se contemple á provincia de Ourense como futura ubicación de proxectos tractores da economía galega que concorran aos fondos europeos", así como o feito de que "desde a pandemia, o goberno central non enviou un solo euro ás entidades locais, e os grupos parlamentarios que o sosteñen tampouco fixeron súas as emendas aos orzamentos do Estado que a FEMP fixo chegar; un desprezo como nunca houbo na historia do municipalismo".