Manuel Baltar cualifica a Alejandro Blanco, Premio Ourensanía 2021, “como representante dunha das nosas fortalezas: o deporte”

Recepcion Premio Ourensania 2021

• O presidente da Deputación recibiu no Pazo Provincial ao presidente do Comité Olímpico Español, ao que explicou os detalles do solemne acto que o próximo 11 de novembro desenvolverase no Teatro Principal, a partir das 18.00 horas, e no que recibirá a escultura de Xosé Cid que lle acredita "como ourensán merecente do recoñecemento de toda unha provincia"

Ourense, 3 de novembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro no Pazo Provincial co presidente do Comité Olímpico Español (COE), Alejandro Blanco, que o próximo 11 de novembro recibirá o Premio Ourensanía 2021 por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, con especial mención á súa condición de "firme valedor" do movemento olímpico.

Manuel Baltar explicou ao galardoado os detalles do solemne acto que se desenvolverá no Teatro Principal, a partir das 18.00 horas, e no que Alejandro Blanco recibirá a escultura de Xosé Cid que lle acredita "como ourensán merecente do recoñecemento de toda unha provincia, representando na súa persoa o inxente labor que estamos a facer para situar ao deporte como unha das nosas fortalezas, conseguindo que Ourense sexa sede de destacados eventos nacionais e internacionais". Un traballo agradecido polo presidente do COE e un premio que cualificou como "un inmenso orgullo".

O xurado do Premio Ourensanía 2021, reunido en San Pedro de Rocas o pasado 18 de agosto baixo a presidencia de Manuel Baltar, acordou por unanimidade conceder este galardón a Alejandro Blanco pola súa dedicación ao deporte, "tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa das federacións deportivas", pero sobre todo polo seu labor no movemento olímpico, "o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional".

A distinción tamén supón un recoñecemento ao traballo realizado polo presidente do comité para afrontar os Xogos Olímpicos de Tokyo, "uns dos máis difíciles da historia polas circunstancias de todos coñecidas", lembrou o presidente provincial, pero que foron todo un éxito para España xa que 55 % dos deportistas nacionais estiveron entre os oito mellores do mundo, fosen medallistas ou obtiveran diploma olímpico, ademais de ser o terceiro país máis representado no deporte por equipos.

Alejandro Blanco Bravo (Ourense, 1950), licenciado en Ciencias Físicas, está vinculado no mundo deportivo ao Judo, no que é cinto negro 7 Dan, adestrador e árbitro. Ocupou varios cargos directivos nesta disciplina, chegando en 1993 á presidencia da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados, ademais de ser un dos destacados impulsores da constitución, en 2003, da Confederación de Federacións Deportivas Españolas. O 30 de setembro de 2005 foi nomeado presidente do Comité Olímpico Español, sendo reelixido en 2009, 2013 y 2017, ademais de presidir tamén a candidatura de Madrid para os Xogos Olímpicos de 2020.

Blanco Bravo foi designado polo Comité Olímpico Internacional en diversas ocasións como mediador para Sudamérica na resolución de conflitos entre os comités nacionais e os seus respectivos gobernos. Eloxiado polo propio COI polo seu traballo, Blanco destaca tamén pola firme defensa da independencia do movemento olímpico e do deporte e o papel que xogan as federacións deportivas.