César Fernández pon ao parque acuático de Monterrei como exemplo de colaboración pública “nun proxecto estratéxico para provincia”

Parque acuatico Nov 21

• O vicepresidente da Deputación de Ourense asistiu hoxe á sinatura da acta de replanteo que permitirá iniciar as obras das piscinas infantil e familiar, que cun investimento de 4,7 millóns de euros e oito meses de traballo serán unha realidade no verán de 2022

Ourense, 5 de novembro de 2021.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, afirmou hoxe que o parque acuático que se está a construír no complexo deportivo de Monterrei, cofinanciado pola Xunta de Galicia e a institución provincial ao 50 %, "é un exemplo de colaboración pública á hora de facer realidade un proxecto estratéxico para a provincia e a súa veciñanza, que disporá dunha infraestrutura única en Galicia, pero que tamén será un espazo de lecer e deporte de referencia no noroeste peninsular e no norte de Portugal".

César Fernández, xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, asistiu hoxe á sinatura da acta de replanteo da segunda fase -a primeira relativa ao parque acuático- do complexo de Monterrei como paso previo ao inicio das obras dos accesos, os espazos infantís e as novas piscinas que serán unha realidade no verán de 2022. O importe de adxudicación á empresa Proyecon Galicia é de 4,7 millóns de euros e terá un prazo de execución de oito meses.

Nesta fase prevese a creación dunha nova zona de acceso e un aparcamento; un novo edificio de acceso, con vestiarios, zona de administración e oficinas; área de xogos acuáticos para idade infantil; reformulación da zona das piscinas actuais aproveitando os vasos existentes e incorporando novas funcionalidades e tobogáns; espazos de lecer; e renovación das instalacións de saneamento e abastecemento. Tras esta primeira fase do parque acuático será a quenda da segunda, encargada do río lento e que estará rematada no verán de 2023; mentres que a terceira e cuarta fase, agora en revisión técnica, centraranse nas zonas de adrenalina e multiaventura, estando previsto o seu remate no verán de 2024.

Investimento de 10 millóns de euros

Cun investimento de 10 millóns de euros, cofinanciados ao 50 % entre Xunta de Galicia e Deputación de Ourense, o proxecto está dirixido prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable, deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva. Cómpre lembrar que desde principios de ano o complexo conta xa cunhas novas instalacións de pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo.

O futuro parque tamén converterase nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.