A Deputación presenta no IV Fórum do Camiño de Santiago o seu proxecto para dar resposta ao “turismo tecnolóxico e personalizado”

Deputacion Fairway 21.1

• O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, detallou na Fairway as trece iniciativas que se están a desenvolver a institución provincial no marco do plan de Destinos Turísticos Intelixentes

• Ourense estivo representada por primeira vez neste foro a través do Inorde, que promocionou entre os operadores especializados do sector os dous itinerarios xacobeos oficiais da provincia: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno

Ourense, 9 de novembro de 2021.- O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, presentou no IV Fórum do Camiño de Santiago, Fairway, que hoxe remata en Santiago de Compostela, o proxecto no que está a traballar a institución provincial para dar resposta a un turismo "cada vez máis tecnolóxico e que demanda unha oferta moi personalizada e baseada en perfís moi concretos". Suárez participou nunha mesa redonda sobre a dixitalización como factor de sustentabilidade turística, na que detallou as trece iniciativas que se están a desenvolver no marco do plan de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), proxecto que á súa vez se integra na estrutura do plan Provincia Intelixente da Deputación e no plan de Turismo Sostible no que traballa o Inorde.

Na súa intervención, o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto sinalou que os trece compoñentes do proxecto DTI estarán en marcha en vinte e catro meses, "aínda que xa as primeiras iniciativas serán unha realidade a principios de 2022". Explicou Fernando Suárez as liñas de actuación que se están a seguir, como o deseño dun portal e unha aplicación web para visibilizar todos os recursos turísticos da provincia, un sistema de cámaras para facilitar a observación deses recursos, comprobar as condicións meteorolóxicas ou mesmo controlar os niveis de afluencia de visitantes. O turista tamén terá acceso á realidade aumentada, enriquecendo a súa experiencia antes, durante e despois da visita, ademais de facilitarlle recomendacións en base aos seus perfís para organizar rutas personalizadas.

A tecnoloxía, dixo Suárez, "é un aliado que ofrece enormes posibilidades para xerar no turismo o atractivo que desexamos para a nosa provincia, xerando ao mesmo tempo negocio local, pero sobre todo visibilizando a nivel nacional e internacional todos os recursos que ten a provincia".

Ourense, presente por primeira vez en Fairway

A Deputación de Ourense tamén está representada no gran foro dos profesionais do Camiño de Santiago a través do Inorde, que comparte un stand neste evento cos socios do proxecto europeo "Caminos Jacobeos del Oeste Peninsular". A xerente do Inorde, Emma González, que visitou hoxe este espazo, afirmou que "esta participación permítenos promocionar, entre os operadores especializados do sector, os dous itinerarios xacobeos oficiais da provincia: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno".

Durante estes días, desenvolveuse unha axenda "be to be" con empresas do circuíto de comercialización de diferentes países como Irlanda, Francia, España, Portugal, Reino Unido e Alemaña. Con este traballo, destacou a xerente do Inorde, "pretendemos posicionar estes dous camiños xacobeos que pasan pola nosa provincia e, aproveitando este dobre Ano Santo, impulsar o número de peregrinos e viaxeiros, a través destas rutas que mesturan as catro fortalezas que representa a nosa marca turística: patrimonio, natureza, termalismo e enogastronomía".