Blanca Riestra recibe o XL Premio Blanco-Amor “escribindo unha nova páxina no inesgotable libro da creación literaria na lingua propia”

Entrega Premio XL Blanco Amor 1

• O vicepresidente da Deputación César Fernández entregou á escritora coruñesa o galardón concedido pola obra Aquí empeza o mar, unha distinción que a sitúa "ao carón dun xigante das letras" e que ademais de "gozar de vitalidade" permite "tomar o pulso da nosa narrativa e contribuír á excelente literatura en galego"

• A gañadora cualificou á literatura galega como "moito máis aventureira, creativa e aberta á innovación e ás novas tendencias", afirmando que escribir en galego "é sairse do sistema, porque case todo está permitido; un luxo do espírito"

• O xurado, por unanimidade, seleccionou a obra gañadora polo uso de tendencias literarias actuais e o retrato que a escritora fai da cidade da Coruña en varios momentos da súa historia, así como pola mestura con mestría de xéneros como a autoficción, o xornalismo ou a novela de memoria

Ourense, 1 de decembro de 2021.- A escritora coruñesa Blanca Riestra recibiu esta tarde o XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor pola obra Aquí empeza o mar, un retrato da cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia que foi seleccionado polo xurado de entre preto de corenta orixinais presentados ao galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor e dotado cun premio de 15.000 euros, xunto cunha peza escultórica do artista ourensán Acisclo Manzano.

O Liceo de Ourense acolleu o acto literario de entrega do premio, onde se deron cita o vicepresidente da Deputación, César Fernández; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luís González Tosar; e representantes de institucións, entidades e persoeiros do ámbito cultural ourensán e galego.

César Fernández foi o encargado de entregar a Blanca Riestra as distincións que lle acreditan como gañadora da presente edición do certame, felicitándoa por unha novela que a sitúa "ao carón dun xigante das letras, escribindo unha nova páxina no inesgotable libro da creación literaria na lingua propia", porque afirmou "esa é tamén unha das finalidades fundamentais deste premio: tomar o pulso da nosa narrativa e contribuír á excelente literatura en galego".

Un galardón "que hoxe goza de vitalidade" como así o evidencia, apuntou, a recente concesión do Premio Nacional de Narrativa ao escritor Xesús Fraga pola obra Virtudes (e Misterios), gañadora do Premio Blanco-Amor en 2019.

César Fernández amosou a súa honra por representar neste acto ao presidente provincial e presidente da Fundación Blanco-Amor, Manuel Baltar, "que por iniciativa persoal colleu as rendas deste premio de referencia no panorama literario e cultural galego vinculándoo definitivamente a Ourense". Lembrou tamén o vicepresidente da Deputación o pulo á constitución da Fundación, "para o mantemento e difusión da obra de don Eduardo, do seu exemplo como persoa e cidadán, do seu espírito crítico e amor incondicional por Ourense". Pero máis aló deste obxectivo, "o compromiso é tamén saldar a gran débeda que temos co noso escritor, e para iso cómpre mantelo vivo tamén nos máis novos, que atopan na súa obra a cidade na que viven elevada á excepcionalidade literaria".

Fernández repasou as distintas accións desenvolvidas desde a Deputación de Ourense para reparar a memoria do escritor, entre elas o propio premio ou a tradución ao inglés de A Esmorga, feita por Craig Patterson baixo o título de On A Bender. Non obstante destacou unha iniciativa máis como a creación, a instancias de Manuel Baltar no pasado debate sobre o estado da provincia, das medallas Blanco-Amor para recoñecer o mérito de persoas destacadas da sociedade ourensá en diferentes ámbitos.

Concluíu afirmando que en Ourense "a cultura existe e resiste", cun goberno provincial que desenvolve "unha política cultural propia, nidia e plural, onde o apoio ten como base á creatividade e o talento, dos cales temos unha fértil abundancia, proxectando a Ourense como o que sempre foi, é e será, o Faro Cultural de Galicia".

Blanca Riestra mostrou o seu "enorme pracer e gran orgullo" por un premio que recoñece a Blanco-Amor "como unha das personalidades máis impresionantes da literatura galega, ademais de ter un nome marabilloso". Definiu a novela gañadora como "especial, con moitos xogos formais e bastante arriscada en xeral temáticamente". A obra, dixo, "pretende narrar a historia recente da cidade da Coruña desde os anos setenta do pasado século ata a actualidade, pero tamén en certa medida a historia de Galicia dun xeito moi subxectivo".

Blanca Riestra fixo unha loa á lingua galega recoñecendo "algo que xa sospeitaba: que a literatura galega é moito máis aventureira, creativa e aberta á innovación e ás novas tendencias que outras literaturas máis próximas". Escribir en galego, asegurou, "é sairse do sistema e para un creador é unha marabilla porque case todo está permitido; un luxo do espírito".

Entre tanto, Luís González Tosar anunciou o rescate da produción xornalística de Blanco-Amor, xunto coas súas fotografías, a través dunha colección cuxo primeiro volume titúlase Taracea marroquí, oito crónicas escritas en 1935 para El Pueblo Gallego con preto de trinta imaxes durante a súa viaxe a este país.

Combinación de xéneros con mestría

O xurado seleccionou a novela Aquí empeza o mar, presentada baixo o lema O sumidoiro, valorando de xeito unánime unha obra que "entronca coas tendencias literarias actuais que se cultivan noutros lugares", destacando a elección da cidade da Coruña "como gran personaxe colectiva en varios momentos da súa historia recente, retratándoa cun xeito moi orixinal e vívido, magnético e a través dun estilo que combina con mestría xéneros como a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela da memoria, sen perder nunca como faro literario a forza da subxectividade". Todo isto, engade a acta, enriquecido "cun relato xeracional onde se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios, mais tamén reais, que deste xeito quedan xa para sempre inmortalizados".

O xurado estivo presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Luciano Rodríguez Gómez, Mercedes Corbillón Fernández, e César Lorenzo Gil, actuando como secretaria Tensi Gesteira.

Unha recoñecida traxectoria

Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola Universidade de Borgoña (Francia). Foi directora do Instituto Cervantes de Alburquerque (Estados Unidos), directora literaria da colección "Versión Celeste" da editorial francesa Orbis Tertius, profesora universitaria e na actualidade é docente de ensino medio no IES Adormideras da Coruña.

A súa traxectoria literaria comezou en 1996 coa publicación da novela Anatol y dos más, á que seguirían máis dunha ducia de títulos. En todo este tempo o seu labor foi recoñecida con diversos galardóns, entre os que cabe citar o premio Ateneo Joven de Sevilla (2011) pola novela La canción de las cerezas; El sueño de Borges (2005, premio Tigre Juan); Todo lleva su tiempo (2007, finalista do premio Fernando Quiñones); Pregúntale al bosque (2013, premio Ciudad de Barbastro); Greta en su laberinto (2015, premio Torrente Ballester); Noire Compostela (2016, premio de novelas por entrega de La Voz de Galicia); ou Últimas noches del edificio San Francisco (2020, premio Ateneo de Sevilla).