A Ribeira Sacra, protagonista na etapa raíña da Volta ciclista a Galicia “O Gran Camiño”

Presentacion Volta Galicia 2022 1

• "Ourense cre no deporte e singularmente no ciclismo", dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, na presentación no Pazo Provincial da terceira das catro probas que se disputarán do 24 ao 27 de febreiro de 2022, sendo "todo un acerto recuperar a antiga Volta a Galicia vinculándoa a ese fenómeno cultural e social que é o Camiño"

• Con saída en Maceda e final en Luíntra, a etapa do día 26 por terras ourensáns terá "50 últimos quilómetros espectaculares, protagonizados polo río Sil, con subidas duras e baixadas moi técnicas", explicou o responsable da carreira, Ezequiel Mosquera

Ourense, 13 de decembro de 2021.- A provincia de Ourense e nomeadamente a Ribeira Sacra protagonizarán o 26 de febreiro de 2022 a etapa raíña da Volta Ciclista a Galicia "O Gran Camiño", na terceira das catro probas que entre os días 24 e 27 integrarán unha carreira que pretende recuperar o nivel, a imaxe, a repercusión e o carácter profesional que tiña hai máis de dúas décadas a Volta a Galicia. A proba foi presentada hoxe no Pazo Provincial coa asistencia do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o responsable da organización, Ezequiel Mosquera; o exciclista profesional Óscar Pereiro; e o deportista ourensán Carlos Canal.

Manuel Baltar afirmou que desde o primeiro momento no que se falou desta carreira "tivemos claro que tiñamos que estar aí", felicitando á organización por escoller a Ourense "para a etapa raíña dunha volta que sairá desde Maceda e rematará en Luíntra, en plena Ribeira Sacra".

Ourense, subliñou, "cre no deporte e singularmente no ciclismo", lembrando a alianza que a Deputación de Ourense mantén desde hai tempo con La Vuelta a España ou a celebración, en setembro pasado, de tres etapas da "Ceratizit Challenge by La Vuelta 21", a carreira más importante do calendario mundial feminino, "no marco dun ecosistema de turismo deportivo polo que estamos a apostar e onde a bicicleta ten un destacado protagonismo"

Para o presidente provincial é todo un acerto recuperar a Volta a Galicia "vinculándoa a ese fenómeno cultural e social que é o Camiño, co que Ourense ten moito vencello a través da Vía da Prata, o Camiño de Inverno de Valdeorras ou o Camiño Miñoto no que estamos a traballar".

Ezequiel Mosquera definiu a Volta como "un proxecto de país" sinalando que o obxectivo é "que sexa a primeira edición de moitas, como un medio incuestionable de promoción do territorio". Desvelou que conforme ían encaixando pezas "todo apuntaba a que a etapa raíña tocaríalle a Ourense, con 50 últimos quilómetros espectaculares, protagonizados polo río Sil, con subidas duras e baixadas moi técnicas".

Agradeceu a implicación da Deputación de Ourense "neste novo-antigo proxecto" garantindo "o esforzo e implicación da organización", e anunciando que rebaixarán en dous anos a idade do maillot do mellor mozo, que quedará en 23 anos.

Para Óscar Pereiro, "Galicia ten catro provincias incribles, diferentes todas elas, pero eu non tiña dúbida de que a etapa raíña tiña que ser en Ourense, unha gran descoñecida en ciclismo e cicloturismo con estradas e rutas perfectas para este deporte", agradecendo a vontade da Deputación por darlle pulo ao ciclismo".

Carlos Canal expresou pola súa banda a ilusión por recuperar unha proba profesional de ciclismo en Galicia, pero sobre todo "porque vai pasar polas estradas nas que me criei e nas que adestro a diario", destacando que o seu encaixe no calendario nacional e internacional permitirá a participación de importantes equipos.

A Volta a Galicia "O Gran Camiño" disputarase do 24 ao 27 de febreiro de 2022 e atravesará as catro provincias, cun percorrido do que aínda se coñecen poucos detalles, así como tamén dos equipos que participarán, entre os que xa está confirmado Movistar e o Israel Start-Up Nation.