César Fernández destaca a aposta da Deputación “por potenciar a relación entre empresa e educación a través do Centro de Innovación da FP”

Visita Centro FP Dic 21.1

• O vicepresidente do goberno provincial, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras dunha infraestrutura onde, segundo avanzou o representante da Xunta, "os primeiros proxectos poderían implantarse a partir da vindeira primavera".

Ourense, 15 de decembro de 2021.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, destacou hoxe a firme aposta que está a facer o goberno provincial "por potenciar a relación entre o mundo da empresa e o sistema educativo a través do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional". Fernández fixo estas declaracións durante a visita que esta mañá realizou ás instalacións que se están a construír na antiga Escola Fogar de Mariñamansa, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén. Unha visita que permitiu constatar que as obras se atopan xa na súa recta final, coa previsión de que este espazo poda estar operativo en 2022.

O vicepresidente provincial, que expresou a súa satisfacción pola marcha dos traballos, sinalou que a FP basea o seu éxito en tres piares fundamentais, "como son a flexibilidade, a especialización e a convivencia e comunicación co tecido empresarial". Neste sentido, engadiu, "o labor que se desenvolva neste centro vai situar a Ourense á vangarda da innovación, pois todos os proxectos que se leven a cabo neste ámbito no contexto de Galicia terán a súa raíz en Ourense".

As obras están executadas ao 85 %, dixo pola súa banda Román Rodríguez, coa previsión de que estean concluídas a finais de xaneiro "sempre e cando -puntualizou- non se produzan novos problemas de subministro de materiais". Os primeiros proxectos, avanzou, "poderían implantarse a partir da vindeira primavera neste espazo de referencia da Formación Profesional desde Ourense para toda Galicia".

Esta infraestrutura, enmarcada na nova Estratexia Galega de FP 2021-2025, apuntou o conselleiro, foi deseñada como "un laboratorio de estudo e investigación de proxectos tanto desde a perspectiva académica como da transferencia de coñecemento, de aí a importancia de que se establezan sinerxías coas institucións e coas empresas".

O Centro de Innovación da FP é o resultado da colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, que cofinancian os 9,9 millóns de euros investidos neste proxecto. Nestes momentos estase traballando na colocación do falso teito da planta alta, así como das luminarias e a instalación dos baños. Á vez que se van concluíndo as obras na infraestrutura, a Xunta iniciará os trámites pertinentes para a adquisición do equipamento así como para o desenvolvemento de cuestións administrativas como creación da dirección do centro e a dotación de persoal docente.

Cunha superficie de 2.500 metros cadrados, o centro distribuirase en planta baixa e primeira planta, cun total de catro talleres, dous laboratorios e catro aulas-taller, totalmente equipadas coas últimas tecnoloxías industriais e de comunicacións, e zona de administración e servizos, centrando o seu labor nos ámbitos da realidade virtual, a simulación de procesos, a impresión 3D, a industria 4.0, a industria enerxética e a biotecnoloxía.