Manuel Baltar expresa a súa felicitación a Ourense “pola chegada do AVE como vehículo de progreso”

Viaxe Inaugural AVE 2021 1

• Tralo acto oficial desenvolvido na estación ourensá, coa presenza do rei Felipe VI, o presidente provincial afirmou que "non só diminuímos a distancia con Madrid en minutos, senón tamén con todas as capitais do mundo, aumentando a conectividade de Ourense e xerando máis oportunidades de riqueza e emprego"

Ourense, 20 de decembro de 2021.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, expresou hoxe a súa "felicitación a Ourense pola chegada do AVE, que vai ser un indubidable vehículo de progreso para a provincia, así como a máxima representación en Galicia da alta velocidade". Manuel Baltar fixo estas declaracións tralo remate do acto institucional celebrado na estación Ourense-Empalme con motivo da viaxe inaugural do AVE Madrid-Galicia, no que participou a Súa Maxestade O Rei de España, acompañado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, entre outras autoridades.

"Esta é unha xornada histórica para Ourense" dixo o presidente provincial, "como hai 140 anos foi tamén a chegada da primeira locomotora á cidade", que plasmou Curros Enríquez no seu poema Aires da miña terra. A data de hoxe, engadiu, "non só significa que diminuímos a distancia con Madrid en minutos, que é como se miden hoxe as viaxes, senón tamén con todas as capitais do mundo, aumentando a conectividade de Ourense, xerando unha sacudida competitiva no territorio, como aeroporto terrestre que imos ser, e máis oportunidades para crear riqueza e emprego". Un dos sectores que máis beneficios directos vai notar é o turismo, destacou, "un eixo estratéxico para a provincia, que de seguro sentirá o incremento no número de viaxeiros e pernoitas".

Manuel Baltar tamén fixo un especial agradecemento ao rei Felipe VI por facer es viaxe inaugural "para poñer en servizo unha infraestrutura que ocupou e preocupou a catro presidentes de goberno de España e a seis ministros, converténdonos agora en porta de entrada a Galicia e porta das oportunidades".