A Deputación promove o nomeamento de José Quiroga como fillo predilecto da provincia a título póstumo

Proposta Quiroga Fillo Predilecto

O político valdeorrés (Petín, 1920 - A Rúa, 2006) é un dos referentes históricos da transición en Galicia. Foi presidente da Xunta e un actor decisivo na consolidación do autogoberno galego

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destaca a memoria de Quiroga: "Un home que tivo unha traxectoria de servizo público, de compromiso, de presenza nas institucións e que apostou pola Galicia autonómica"

Ourense, 26 de xaneiro de 2022.- A Deputación de Ourense promoverá o nomeamento de José Quiroga Suárez (Petín, 1920- A Rúa, 2006) como fillo predilecto da provincia a título póstumo. O presidente provincial, Manuel Baltar, acordou impulsar este expediente de honra tras unha reunión no Pazo Provincial coa alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, o alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández, e o senador Miguel Bautista.

Manuel Baltar resalta a transcendencia de José Quiroga, presidente da Xunta de Galicia entre 1979 e 1982, unha figura vital no desenvolvemento do autogoberno galego e a consolidación da institución autonómica. "A Deputación provincial que presido acolle con absoluta satisfacción e todo o impulso posible ese merecido recoñecemento a José Quiroga. Unha distinción formulada xunto os alcaldes da Rúa e Petín que, ao igual que a Deputación, a levarán aos seus respectivos plenos para iniciar o expediente como fillo predilecto da provincia. Unha idea tamén acreditada polo senador Miguel Bautista".

Esta homenaxe é, polo tanto, froito da cooperación interadministrativa e transcende as dinámicas partidistas, na liña do traballo diario da Deputación de Ourense e do propio legado de José Quiroga. "Para a Deputación é unha honra homenaxear deste xeito a un dos grandes prohomes da autonomía galega", valorou o presidente provincial, que tamén incidiu no valor da biografía de José Quiroga: "Ser o segundo presidente da Xunta ou ser quen lideraba o goberno autonómico cando se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia son motivos máis que suficientes para honrar unha traxectoria de vocación de servizo público, de compromiso e de presenza nas institucións".

Manuel Baltar remarcou o traballo de Quiroga a prol da consolidación da autonomía galega. "Estas catro décadas de benestar e progreso e este protagonismo que hoxe ten Galicia no marco nacional foi grazas ao traballo de moitos homes e mulleres, de moitos executivos do goberno autonómico e singularmente do home que iniciou esta andaina, que non foi outro que o valdeorrés José Quiroga Suárez".

Un político clave na historia de Galicia

A biografía de José Quiroga é unha parte fundamental do desenvolvemento político da Galicia democrática. Nacido en 1920 nunha familia de tradición liberal-conservadora, licénciase en Medicina na Universidade de Santiago con premio extraordinario de fin de carreira e diplómase en Cardioloxía pola Universidade de Barcelona. Despois, Quiroga volta a súa terra para traballar na consulta do seu pai. Este vencello a Galicia -e máis concretamente á provincia de Ourense e a súa comarca, Valdeorras- vehiculará toda a súa traxectoria pública e profesional. Tras abrir un consultorio na Rúa, é alcalde deste municipio entre 1953 e 1956. A súa carreira política da un novo pulo coa fundación de Acción Política Orensana xunto a Eulogio Gómez Franqueira, grupo que se unirá primeiro ao Partido Popular de Pío Cabanillas e despois á UCD de Adolfo Suárez.

Coa constitución da Xunta de Galicia preautonómica, José Quiroga asume un papel capital na política galega. Foi conselleiro de Sanidade na etapa de Antonio Rosón (1977-1979), ao que relevará ao fronte do goberno galego. Presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, vive en primeira persoa a aprobación do Estatuto de Galicia e a progresiva construción da institución autonómica.

En paralelo mantivo un papel destacado en Madrid. Na lexislatura constituínte de 1977, José Quiroga convértese no senador máis votado de Galicia. Na Cámara Alta estará ata 1986. Tres lexislaturas nas que o valdeorrés realizará unha intensa actividade en materias de sanidade, dereitos humanos ou na comisión do Defensor del Pueblo.

José Quiroga militou posteriormente en Coalición Galega e Alianza Popular. E sempre mantivo aberta a súa consulta na Rúa ata a súa xubilación. Ese medio século de profesión médica axuda a completar o perfil dun home familiar, cunha potente vertente académica e que deixou un profundo recordo entre os seus veciños. Morreu en 2006, co recoñecemento colectivo de contribuír dun xeito decisivo a Galicia dende posicións moderadas, mantidas dun xeito coherente ao longo de toda a súa vida.