Ourense é o centro do novo número da revista de tendencias Coralia

Revista Coralia enero 22 1

A edición trimestral da publicación sitúa a Ourense como unha provincia que "está de moda". O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na presentación da revista no Centro Cultural Marcos Valcárcel: "Ourense é algo en constante movemento, que non ten fin"

Ourense, 27 de xaneiro de 2022.- A revista Coralia presentou esta tarde o seu número 20 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, titulado Icónica Ourense, está de moda. A provincia está no centro desta publicación trimestral, abordando desde o termalismo e a moda ata a enogastronomía e as paisaxes. Entre os contidos máis destacados desta edición está un encontro entre Agatha Ruiz de la Prada -portada da revista- e Carla Royo-Villanova, no que a deseñadora e a experta en turismo conversan sobre os encantos da provincia, así como entrevistas co presidente do Comité Olímpico Español, o ourensán Alejandro Blanco -premio Ourensanía 2021- e a xerente do Inorde, Emma González.

Manuel Baltar interveu na presentación resaltando a importancia de Coralia para canalizar o potencial turístico da provincia, resumido na nova marca OU: "Unha marca que fala de natureza, enogastronomía, patrimonio... Ourense foi, é e será moda. Ourense é algo que está en constante movemento, que non ten fin". O presidente da Deputación destacou tamén o peso cultural de Ourense, "con referentes como a Xeración Nós ou o propio Marcos Valcárcel", antes de valorar a nova etapa aberta coa chegada do AVE: "Estamos a dous horas e quince minutos de Madrid. Esto é unha sacudida ao territorio, con proxectos que estamos a desenvolver neste goberno provincial como a Mobile Week, o gran hotel balneario ou o Centro de FP".

Mentres, o editor e director de Coralia, Álex Regueiro, remarcou o peso específico da provincia: "Ourense é un mundo novo, que vén para quedarse. Un mundo cheo de oportunidades". Na presentación tamén interviu a xerente da Inorde, Emma González, que resaltou como pivotes da economía ourensá o turismo ou o sector primario, "motores da nova marca turística de Ourense que están reflectidos neste número da revista". No acto, cunha ampla representación da vida social ourensá, tamén participou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, e estivo amenizado pola pianista María Mendoza e a actriz Estíbaliz Veiga, que recitou poemas de Celso Emilio Ferreiro e outros autores ourensáns.