Manuel Baltar é designado o presidente provincial máis transparente de España

MB febreiro 22

O presidente da Deputación de Ourense encabeza a clasificación de líderes provinciais elaborada pola plataforma Dyntra, que valora as boas prácticas de transparencia e goberno aberto así coma o cumprimento das obrigas legais e demandas cidadáns nesta materia

Manuel Baltar xa lideraba o goberno provincial máis transparente de España: "Este compromiso forma parte da ADN da institución. Traballaremos para seguir afianzándonos coma referencia nacional"

Ourense, 2 de febreiro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi designado coma o líder provincial máis transparente de España segundo o estudo realizado por Dyntra. Dentro dos seus exames da transparencia dos líderes políticos, esta plataforma especializada realizou nas últimas semanas unha avaliación dos presidentes provincias, forais, cabildos e consellos insulares, que concluíu situando a Manuel Baltar á cabeza do panorama nacional no eido da transparencia.

Manuel Baltar valora este recoñecemento coma un paso máis na súa aposta polo goberno aberto e as boas prácticas, un esforzo recoñecido por axentes especializados coma Dyntra, que dende 2017 sitúa á Deputación de Ourense coma o máximo referente en España neste ámbito dentro das administracións provinciais. "Dende fai moito tempo somos o goberno provincial máis transparente de España, nun estudo de 189 indicadores que se vai actualizando. Agora, tamén me corresponde encabezar esta táboa. A transparencia é un compromiso clave que asumín na Deputación". O líder ourensán completou 31 dos 36 indicadores implementados por Dyntra (o 86,11%). Atendendo a esta clasificación da transparencia dos líderes provinciais de España, en segunda posición sitúase o presidente da Deputación de Granada, José Entrena (con 30 de 36 indicadores -83,3%-) e terceiro José Manuel Caballero, líder provincial de Ciudad Real (23 de 36 -63,9%-). En Galicia, a presidenta pontevedresa, Carmela Silva, queda na duodécima posición (aproba 18 de 36 indicadores -50%-); o lucense José Tomé é 37º (9 de 36 -25%-) e o coruñés Valentín Formoso queda na cuadraxésima posición, con 8 dos 36 (o 22,2%)

Baltar: "A transparencia non é unha obriga, é unha actitude"

Entre os estándares definidos por Dyntra e cumpridos por Manuel Baltar -dispoñibles para a consulta dos veciños na propia web da Deputación de Ourense- está o seu currículum, os documentos xustificativos das súas titulacións, a nómina ou a declaración da renda e patrimonial. Tamén as nóminas e o currículum do persoal de confianza do presidente provincial. "A transparencia xa forma parte do ADN da institución -resalta Manuel Baltar-. Non é unha obriga, é unha actitude. E creo que este é o camiño: a transparencia, o goberno aberto, a relación coa veciñanza, compartir toda a información cumprindo coas lóxicas limitacións impostas pola protección de datos".

A avaliación de Dyntra, que segundo sinala esta plataforma emprega unha "metodoloxía dinámica para promover o esforzo permanente das administracións e institucións públicas en materia de transparencia", tamén valora os canais de comunicación empregadas polo presidente ourensán para comunicarse cos veciños -correo electrónico, redes sociais, blog, vídeoblog...-, o código ético aprobado polo goberno da Deputación -pioneiro dunha administración provincial- ou a rendición de contas anual sobre os compromisos adquiridos no seu programa de mandato. Este documento, co nome de Ourense 7273, recolle as iniciativas planificadas para a lexislatura 2019-2023, unha folla de ruta que marca as pautas a seguir e que está a disposición de todos os veciños.

Neste ámbito da transparencia, a Deputación tamén foi o primeiro goberno provincial de España en retransmitir as sesións plenarias, así como as comisións informativas, as aperturas de plicas das mesas de contratación ou os sorteos dos membros do ente provincial. Ademais, é a primeira administración pública europea en aprobar os seus orzamentos anuais, cada mes de setembro.

A transparencia, un eixo do goberno provincial

Manuel Baltar define a transparencia como un "eixo prioritario da acción de goberno". O presidente provincial resalta que para reforzar estas boas prácticas é imprescindible "a innovación e a interactividade constante. E o compromiso para ofrecer aos cidadáns a mellor e máis clara información tanto a nivel institución coma persoal". Na mesma liña, a Deputación de Ourense incorporou en 2017 unha dirección de Transparencia e Goberno Aberto, encabezada por Fernando Suárez, para reforzar un aspecto que abrangue a RPT, ten unha comisión informativa propia e foi referendado con acordos políticos coma o código ético de conduta, a Carta de Servizos, a Ordenanza provincial de Transparencia ou a modificación do regulamento ordinario dos plenos provinciais para permitir a participación directa dos veciños nas sesións. Un traballo, avanza o presidente provincial ourensán, que seguirá no futuro: "Este reto non ten volta atrás. Seguiremos afianzándonos nestes postos, tanto na Deputación coma líder provincial, para seguir sendo os máis transparentes do contexto nacional".