Manuel Baltar reivindicará en Bruselas un reparto “limpo e transparente” dos fondos europeos de reconstrución

MB Bruxelas

O presidente da Deputación de Ourense e de Partenalia trasladará a "fonda preocupación" dos gobernos locais ourensáns ante a "xestión e o destino" das partidas: "Queremos saber por que o Goberno de España está facendo o que está facendo, ou non está facendo o que debería facer"

Acompañado dun importante grupo de representantes institucionais, Manuel Baltar pedirá ante os altos organismos comunitarios unha "maior transparencia" do Goberno central: "Necesitamos información, coñecemento, urxencia, planificación e resolución"

O presidente ourensán reivindica o traballo realizado pola Deputación para captar estas partidas e alerta dos problemas na adxudicación: "Os proxectos existen e as necesidades tamén, agora hai que aproveitar os fondos"

Ourense, 3 de febreiro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, viaxará a vindeira semana a Bruselas para reividincar un reparto xusto e transparente dos fondos europeos de reconstrución por parte do Goberno de España, que debe distribuír 140.000 millóns de euros -70.000 en axudas directas- entre os anos 2021 e 2026. "Existe unha fonda preocupación nos gobernos locais ourensáns polos procedementos, pola xestión e polo destino destes fondos. Isto é algo obvio, que observo tanto coma presidente de Partenalia -a asociación europea de gobernos provinciais- como coma presidente da Deputación de Ourense".

Manuel Baltar estará acompañado nesta viaxe a Bruselas por un importante grupo de representantes institucionais de toda España, coma o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida; o rexedor de Córdoba, José María Bellido ou o de Zaragoza, Jorge Azcón. O presidente ourensán pedirá diante das máis altas institucións comunitarias -Parlamento Europeo, a comisaria de Despoboación ou o Comité das Rexións- que o Goberno central modifique o seu comportamento actual respecto a este reparto: "Queremos información e ver cal é o procedemento axeitado para a distribución dos fondos. Queremos falar de prazos e de proxectos. En definitiva, poñer en maiúsculas o que ata de agora está en letra pequena ou so é un titular de prensa e puro 'buenismo".

O presidente provincial ourensán reivindicará na capital comunitaria o traballo que está realizando a Deputación neste eido: "Este é o primeiro goberno provincial de España que presentou unha estratexia de captación de fondos comunitarios, non so para os Next Generation senón tamén para o marco financeiro plurianual". Avalado por esta labor, Baltar demandará nas diferentes reunións unha maior transparencia do Goberno de coalición: "Queremos saber por que en España, o goberno da nación está facendo o que está facendo, ou por que non está facendo o que debería facer".

Manuel Baltar: "Queremos seguridade xurídica, libre concorrencia e publicidade, que son as garantías dun procedemento de reparto de fondos limpo"

Manuel Baltar pedirá en Bruselas que o Executivo español garanta toda a información necesaria ante esta "fonda preocupación" derivada deste reparto de fondos, con informes que alertan dun distribución discrecional ou lenta. Estudos como os publicados pola propia CEOE critican a falta de información ou os problemas detectados para que estes fondos cheguen á economía real e as pemes -un 65% destas empresas non podería acceder a estas axudas, segundo sinala a patronal española-. "Os prazos véñense enriba, outras nacións xa teñen estes procedementos solucionados e o que queremos é ter previsiblidade, seguridade xurídica e, sobre todo, que a liberdade de concorrencia e a publicidade sexan os garantes dun procedemento limpo".

Lembra o presidente provincial que, cunha distribución dos fondos comunitarias xusta, os que saíran beneficiados serán os veciños dos concellos e das provincias, máis alá dos propios territorios. "Viaxaremos a Bruselas con este propósito. Queremos información, coñecemento, urxencia, planificación e resolución, porque os proxectos existen e as necesidades tamén. Agora hai que aproveitar estes fondos de reconstrución".