O apoio da Deputación de Ourense posibilita a reapertura do Museo Etnográfico Olimpio Liste, “unha auténtica xoia da nosa provincia”

Convenio Museo Liste 1

Manuel Baltar valorou en Oseira a xenerosidade da familia Liste Fernández e remarca o compromiso da institución que preside con "esta marabillosa iniciativa, que ten moito que ver coa nosa alma de pobo e coa nosa identidade". O presidente provincial destaca a importancia desta reapertura: "É unha homenaxe non so aos creadores desta xoia, senón a todos aqueles que se senten enraizados co noso e coa nosa terra"

Araceli Mercedes Liste Fernández, filla dos impulsores deste espazo, agradeceu á Deputación de Ourense e ao Concello de San Cristovo de Cea a súa "determinación para outorgar unha nova vida ao museo"

Esta alianza permitirá, segundo avanzou o alcalde José Luis Valladares, "fomentar, ampliar e promover" un museo que, cun fondo de milleiros de obxectos, é unha referencia absoluta da cultura tradicional galega.

San Cristovo de Cea, 11 de febreiro de 2022.- A Deputación de Ourense posibilitará a reapertura do Museo Etnográfico Olimpio Liste, logo de que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asinara esta mañá en Oseira un convenio de colaboración co alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e coa propietaria deste complexo museístico, Araceli Mercedes Liste Fernández, para volver a abrilo ao público.

Manuel Baltar agradeceu a xenerosidade da familia Liste Fernández e sinalou que hoxe é "un día para presumir, porque bota a andar de novo unha marabillosa iniciativa que ten moito que ver coa nosa alma de pobo e coa nosa identidade". O presidente provincial remarcou a responsabilidade da Deputación no futuro do Museo Olimpio Liste: "Como goberno provincial, temos a obriga de darlle toda a difusión posible, coidalo e mimalo, e que sexa coñecido para todos os que senten esa paixón por Ourense".

O presidente da Deputación de Ourense aplaude a recuperación deste espazo, "patrimonio da humanidade e unha cita inesquecible da nosa provincia". "Ao reabrir este museo estamos a facer unha homenaxe non só aos creadores desta marabilla, senón a todos aqueles que senten esa identidade enraizada co noso e coa terra, e este ambiente serve especialmente para vivilo", destacou Manuel Baltar, que incidiu en como a Deputación de Ourense "tiña que comprometerse a abrilo, mantelo vivo no futuro e a darlle todo o pulo necesario porque, sen dúbida, estamos ante unha auténtica xoia".

Un impulso turístico para San Cristovo de Cea

Pola súa parte, o alcalde de San Cristovo de Cea dixo que hoxe era "un día especial" para o municipio porque este convenio asinado a tres bandas "redunda nun beneficio para Cea, para a comarca do Carballiño, e incluso para a provincia de Ourense e de máis alá de Galicia, porque é o museo etnográfico número un da nosa comunidade autónoma". Olimpio Liste e a súa dona estarían, segundo José Luis Valladares, "sumamente orgullosos de que a súa filla se preocupe e se ocupe de que este museo continúe para adiante". O rexedor comprometeuse coa propietaria a que tanto o Concello como a Deputación de Ourense van a "fomentar, ampliar e promover este espazo museístico que é un orgullo para Cea e para Galicia enteira".

Así mesmo, José Luis Valladares agradeceu ao presidente do goberno provincial a súa disposición e implicación para volver a abrir as portas deste Museo e por apoiar a cultura e o turismo, sendo este último un dos eixos estratéxicos do municipio e que se ve reforzado con este museo que súmase á oferta de Cea xunto co Mosteiro de Oseira, o Pan de Cea ou as rutas de sendeirismo.

Araceli Mercedes Liste manifestou a súa felicidade por "reimpulsar a actividade do museo etnográfico Olimpio Liste, actividade interrompida durante nove longos anos, e que tralo falecemento dos meus pais parecía imposible reanudar". A propietaria explica que seus pais "dedicaron boa parte da súa vida e do seu patrimonio a crear e facer crecer este museo, inaugurado no ano 1972, coa presenza de Olga Gallego Domínguez, Xaquín Lorenzo Fernández "Xocas", e Xesús Ferro Couselo". Araceli Mercedes Liste agradeceu ao alcalde e ao presidente da Deputación de Ourense a súa determinación para facer realidade que o museo reabra ao público outorgándolle "unha nova vida e facendo posible o seu renacemento".

Cooperación para recuperar o proxecto de Olimpio Liste e Josefina Fernández

Mediante este convenio de colaboración, a propietaria cede durante 15 anos estes inmobles ao Concello de Cea, encargado de conservalos e xestionalos, mentres que a Deputación de Ourense comprométese a incluír nos orzamentos de 2022 e 2023, unha achega de 25.000 euros en cada exercicio, destinada aos gastos de funcionamento do museo. Este espazo museístico é froito do traballo de investigación de Olimpio Liste e a súa muller, Josefina Fernández. Creado en 1972, o matrimonio foi recompilando milleiros de obxectos que resumen a cultura tradicional galega a través de ferramentas, apeiros e outros obxectos da vida cotiá de Galicia.