O Campionato de España de Atletismo culmina unha fin de semana “que ofreceu unha enorme visibilidade a Ourense no ámbito do deporte”

MB Campionato Atletismo feb 2022

Manuel Baltar asistiu hoxe á xornada de peche do nacional Indoor que transformou a cidade "nun escenario perfecto para o deporte poñendo a proba a nosa capacidade organizativa, que é moita e boa"

Subliñou que "este tipo de eventos prestíxianos no ámbito turístico, e referenda esa aposta nosa polo ecosistema de turismo deportivo que seguiremos potenciando"

Expresou a súa satisfacción por un campionato no que participou a elite do atletismo español e deixou récords nacionais "nunhas instalacións que son a envexa de todo o noroeste peninsular"

Ourense, 27 de febreiro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe á xornada de peche do Campionato de España de Atletismo en pista cuberta, que rematou esta mañá en Expourense logo de tres días de competición, coa visita tamén do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O nacional indoor de atletismo, que regresou de novo á cidade tralo campionato celebrado hai dous anos, "culmina unha fin de semana que ofreceu unha enorme visibilidade a Ourense no ámbito do deporte", subliñou Manuel Baltar poñendo tamén en valor o paso onte sábado pola provincia da Volta ciclista a Galicia O Gran Camiño.

O presidente provincial expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento dun campionato que contou coa participación da elite do atletismo español e deixou importantes marcas e récords nacionais. Unha proba, engadiu, que permitiu comprobar unha vez máis "a calidade da mellor pista cuberta de Galicia e unhas instalacións que son a envexa de todo o noroeste peninsular".

Manifestou ademais o seu "orgullo polo resultado da colaboración entre as administracións local, provincial e autonómica, básica para gozar dun campionato de España e puxar pola celebración en Ourense doutras probas nacionais –como campionatos de atletismo máster-, e mesmo internacionais.

O campionato trouxo a Ourense a máis de 4.000 persoas, entre deportistas, técnicos, xuíces, axudantes, acompañantes dos atletas e público en xeral, "cun AVE a pleno rendemento e transformando a Ourense nun escenario perfecto para o deporte poñendo a proba a nosa capacidade organizativa, que é moita e boa". Pero, ademais, destacou Manuel Baltar, "este tipo de eventos prestíxianos no ámbito turístico, e referenda esa aposta nosa polo ecosistema de turismo deportivo que seguiremos potenciando".