O III Trail de Paderne de Allariz reunirá a 200 corredores nunha proba solidaria a favor de Cruz Vermella

Trail Paderne 2022

A carreira consta de dous circuítos de 25 e 14 quilómetros, con saída e chegada na praza do concello, para as categorías absoluta, senior e veteranos tanto en modalidade masculina como feminina

Esta é a segunda das probas programadas dentro da recen estreada liga provincial de trail, que este ano consta de 16 probas

Ourense, 3 de marzo de 2022.- Douscentos corredores, segundo os cálculos da organización, participarán o domingo 13 de marzo no III Trail de Paderne de Allariz que, en dous circuítos de diferente lonxitude, discorrerá polos montes do municipio nunha proba de carácter solidario a favor de Cruz Vermella. A carreira foi presentada esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández; o xerente do club organizador RunManiak, Lalo Arce; e a representante do comité comarcal da Cruz Vermella-Maceda, María Jesús Rodríguez.

O terceiro Trail de Paderne consta de dous circuítos de 25 e 14 quilómetros, con saída e chegada na praza do concello, para as categorías absoluta, senior e veteranos tanto en modalidade masculina como feminina. A organización confía en alcanzar os 200 participantes, cifra que está a piques de alcanzar. A data límite de inscrición é o 9 de marzo, e ao se tratar dunha proba de carácter solidario dous euros de cada unha das inscricións irán destinados a Cruz Vermella.

Esta é a segunda das probas programadas dentro da recen estreada liga provincial de trail, que este ano consta de 16 carreiras, formato adoptado para organizar un calendario que facilite a participación dos afeccionados nos distintos eventos deportivos que se celebran por toda a xeografía ourensá.