Consuelo Chacón inaugura no Marcos Valcárcel a exposición “O lugar intermedio”

Inauguracion de exposicion

A artista multidisciplinar presenta no centro cultural da Deputación unha mostra que afonda na súa preocupación polo espazo

Ourense, 4 de marzo de 2022.- Consuelo Chacón, artista multidisciplinar que se desenvolve entre a pintura, a fotografía, a arquitectura e a instalación, inaugurou esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel, da Deputación de Ourense, a súa última exposición, "O lugar intermedio", acompañada de artistas, amigos e autoridades coma os vicepresidentes provinciais Rosendo Fernández e César Fernández. 

Chacón, que tamén preside a Fudación Museo de Arte Contemporáneo Florencio de la Fuente, no mosteiro de Santa María de la Merced, en Huete (Cuenca), afonda nesta mostra sobre a súa reiterada preocupación polo espazo, especialmente por eses espazos inertes, casi inexistentes pero que nos dan outra perspectiva ao superpoñer varios elementos. Consuelo Chacón tamén amosa o seu interese tradicional pola natureza, que incorpora permanentemente á súa obra. Cómpre salientar que dende a Fundación Florencio de la Fuente, Consuelo Chacón realizou nestes últimos anos unha forte aposta polos artistas galegos, ofrecendo as súas salas para os seus traballos.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, salientou este aspecto de apoio e compromiso cos creadores galegos, deixando patente que  "dende a Deputación tamén temos sempre as nosas portas abertas a creadores que nos traían novidades e maneiras diferentes de expresarse artisticamente". O director do centro cultural, Francisco González,  louvou o traballo de Consuelo Chacón e desvelou que a vindeira semana, a artista amosará a súa obra máis recente en Francia.