Manuel Baltar aposta por potenciar o termalismo de Galicia e norte de Portugal a través da cooperación e o AVE: “Na xestión pública, sumar é multiplicar”

Foro Termal 2

Foro Termal 1

O presidente da Deputación de Ourense liderou esta mañá, no balneario de Caldas de Partovia, a reunión do Foro Termal do Eixo Atlántico, poñendo a disposición deste órgano transfronteirizo as redes de traballo nacionais e europeas nas que está presente o goberno provincial ourensán

Manuel Baltar quere converter este foro nun órgano clave na dinamización dos territorios termais de Galicia e norte de Portugal, estimulando a cooperación dos balnearios e aproveitando o aeroporto terrestre de Ourense: "Entre todos debemos crear produtos turísticos termais innovadores e artellar unha promoción conxunta deste destino"

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sitúa como claves para a revitalización turística o Camiño de Santiago, a ruta de romanización e o termalismo: "Estes tres eixos teñen como epicentro a Ourense e os tres teñen á Deputación e ao seu presidente liderando os procesos para a recuperación económica da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal"

Ourense, 7 de marzo de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu esta mañá, no balneario de Caldas de Partovia, no Carballiño, a primeira reunión presencial poscovid entre as entidades que integran o Foro Termal do Eixo Atlántico. Este órgano transfronteirizo, presidido por Manuel Baltar, aposta por converterse nun instrumento chave na dinamización dos territorios termais de Galicia e o norte de Portugal.

Unha das liñas de traballo exploradas durante a reunión foi a cooperación entre os diferentes programas sociais nos que participan os balnearios do norte de Portugal e Galicia, para unha concorrencia conxunta e transfronteiriza. "A pretensión desta proposta é lograr o intercambio de termalistas entre este espazo de cooperación", sinalou o presidente da Deputación de Ourense, avanzando a importancia do traballo en rede e poñendo a disposición do Foro Termal as organizacións e entidades nas que está presente o goberno provincial.

O presidente da Deputación valorou a oportunidade de crear sinerxías entre o Foro Termal do Eixo Atlántico e entidades nas que el ten cargos directivos como a Federación Española de Municipios e Provincias, a Fundación Democracia y Goberno Local, Femembalses ou, xa a nivel comunitario, a presidencia da EHTTA -asociación europea de cidades históricas termais- e Partenalia, a rede europea de gobernos intermedios: "Poño a disposición do Foro Termal todas estas redes para ser máis fortes a través destas sinerxías. Sabemos que sumar en xestión pública é multiplicar".

A importancia de crear unha estratexia de visibilidade "capaz de aproveitar o impacto da chegada de turistas, priorizando a oferta termal xunto a recursos complementarios"

Os asistentes ao encontro analizaron o deseño dunha "estratexia de visibilidade da rede que sexa capaz de aproveitar o impacto da chegada de turista a curto e medio prazo, que priorice a oferta termal xunto a outros recursos que conforman a oferta complementaria, e deseñar produtos turísticos atractivos que poidamos promover conxuntamente en foros especializados", explicou o presidente do goberno provincial, que resaltou o o valor de traballar en positivo, "con recursos endóxenos tan importantes como son as augas termais".

Manuel Baltar destacou a importancia de aproveitar, de xeito conxunto, "as oportunidades que nos arroxa a era postcovid, centrándonos precisamente nesa crecente preocupación pola saúde en todos os ámbitos da sociedade". Nesta mesma liña, salientou o impacto positivo que trouxo para o sector a chegada da Alta Velocidade a Ourense, "convertendo a nosa provincia no aeroporto terrestre de Galicia, e debemos lograr que esta situación de conexión ferroviaria privilexiada redunde positivamente, non só no noso territorio, senón tamén no resto de balnearios da Eurorrexión, grazas ao desempeño deste traballo en rede". Para elo, "debemos tratar de crear produtos turísticos termais innovadores e artellar unha promoción conxunta do destino que logre dinamizar a todos os territorios do Eixo", engadiu Baltar.

O Foro Termal do Eixo Atlántico anima a todos aqueles municipios que teñan instalacións termais a unirse a esta entidade, e, así mesmo, pretende vincular o traballo realizado neste Foro as redes europeas coma Partenalia e a EHTTA. Precisamente, o presidente provincial invitou aos integrantes do Foro Termal a participar no Congreso Mundial de Termalismo, unha proposta da rede europea de cidades históricas termais que se celebrará en Ourense co respaldo da Organización Mundial del Turismo, e reivindicou a importancia de proxectos elaborados en rede pola Deputación como o Plan de Sostenibilidade Termal. "Poñemos en valor o traballo que estamos facendo en Ourense e tamén para ser capaces entre todos, Galicia e Portugal, de presentar un termalismo do século XXI, preparado para os novos retos e que cobra unha especial relevancia na postpandemia". Cabe lembrar que o ano pasado, o Eixo Atlántico editou unha guía termal coa información das augas mineiro medicinais e dos recursos turísticos de todos os territorios termais deste órgano transfronteirizo.

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sitúa o encontro desta mañá en Partovia como un paso máis para revitalizar a economía a través do turismo. "Contamos con tres grandes eixos para revitalizar o turismo: o Camiño de Santiago, a ruta de romanización e o termalismo. Os tres teñen a Ourense como epicentro e os tres teñen á Deputación e ao seu presidente liderando os procesos para a recuperación económica da Eurorrexión".

Participantes

A reunión foi aberta polo anfitrión, o alcalde de Carballiño, Francisco Fumega, que agradeceu o traballo de Manuel Baltar para impulsar este Foro Termal. Na cita de Caldas de Partovia, cunha trintena de asistentes, estiveron representados os municipios de O Carballiño, Caldas de Reis, Ourense, Ponteareas, Mondariz, Pontecaldelas e as deputacións de Lugo e Ourense -coa presenza da xerente do Inorde, Emma González-. Por parte de Portugal, estiveron representantes de Amarante, Guimarâes, Santa María da Feira, Vizela, Vila Pouca de Aguiar, Terras de Bouro e membros do Eixo Atlántico.