Manuel Baltar participa na homenaxe a Maricarmen Canal: “Está á altura das mulleres máis grandes da historia de Ourense”

Emprendedoras en feminino 1

 

Emprendedoras en feminino 2

No marco de "Emprendedoras, en feminino", o presidente da Deputación resaltou o perfil profesional e persoal da fundadora de Aceites Abril: "É un orgullo compartir este momento contigo. Representas os valores aos que todos aspiramos: eres un referente de emprendemento e un verdadeiro exemplo a seguir"

A través de conferencias e unha mesa redonda, esta xornada organizada pola Deputación de Ourense quixo dar a coñecer a mulleres que apostaron por emprender, con especial foco no rural. "Seguimos apostando polo emprendemento en feminino coma ferramenta para a transformación social", sinalou a deputada de Igualdade, Luz Doporto

Ourense, 8 de marzo de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na homenaxe a Maricarmen Canal, fundadora de Aceites Abril, no marco de "Emprendedoras, en feminino". Na clausura deste foro, organizado pola Deputación co gallo do 8 de marzo -Día Internacional da muller traballadora- e celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o presidente provincial sinalou que é "un orgullo compartir este momento contigo. Dicir que eres un referente é un tópico pero é a auténtica realidade: Maricarmen Canal está á altura das mulleres máis grandes da historia de Ourense".

Manuel Baltar destacou a relevancia da traxectoria empresarial e persoal de Canal: "Os meus avós maternos tiñan unha tenda de ultramarinos en Esgos, lembro esas caixas de aceite Pérez Delgado. É un orgullo ter levantado unha empresa destas características dende Ourense, con esa pegada a nivel nacional e internacional". O presidente provincial resaltou o perfil de Maricarmen Canal coma referente interxeneracional: "Representas os valores aos que todos aspiramos, e que forman parte deste taller. Hoxe falouse de emprendemento, que mellor exemplo de emprendedora para todos e todas. Recoñecémosche o teu liderado: eres un exemplo a seguir". Manuel Baltar incide en que traxectorias como a de Canal ou a cardióloga Luisa Pérez -premio Olimpia Valencia en novembro do 2021-, supoñen un exemplo de "compromiso e profesionalidade. Valores que todos debemos compartir, sobre todo en momentos tan complicados como este, coas mulleres ucraínas sufrindo o drama da guerra". Maricarmen Canal agradeceu a homenaxe desta tarde: "Eu non teño nada máis que dicir que palabras de agradecemento, a miña familia, aos meus amigos, as asociacións... Gracias por cada día".

O presidente da Deputación aplaudiu o traballo da deputada Luz Doporto -"responsable da área de Igualdade e tamén da execución do Plan EmprendOU, que está sendo un éxito"- e apostou pola continuidade de "Emprendedoras, en feminino": "Estes foros engrandecen a sociedade que é capaz de desenvolvelo, especialmente vendo a participación. Sinto orgullo de todos vos, sinto orgullo de ter unha compañeira de goberno (Luz Doporto) que desenrola actos como este e, por suposto, todos sentimos orgullo de Maricarmen Canal".

A experiencia de catro emprendedoras participantes no programa EmprendOU da Deputación de Ourense

Na intervención inaugural, a deputada provincial de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, sinalou que esta primeira edición de "Emprendedoras" contribúe a coñecer "mulleres referentes no ecosistema emprendedor que arriscaron e racharon teitos de cristal", e agora comparten e visibilizan a súa experiencia "para que outras mulleres teñan máis confianza e inspiración".  Aínda que o 50 % do talento é feminino, asegurou, hai menos mulleres que crean a súa propia empresa e cando se deciden a facelo atopan máis obstáculos que os homes: "Só o 14 % das fundadoras e cofundadoras de 'startups' son mulleres, unha fenda que significa que perdemos ese talento e a oportunidade de ter máis proxectos innovadores". Desde a Deputación de Ourense, afirmou, "seguiremos apostando polo emprendemento feminino para a transformación social e a igualdade de oportunidades". Neste compromiso da institución provincial enmarcou a homenaxe "a unha das emprendedoras referentes na provincia: Maricarmen Canal", fundadora e conselleira delegada de Aceites Abril.

No primeiro relatorio da tarde, a profesora titular de Organización de Empresas da UNED, Marta Solórzano, falou do emprendemento social no ámbito rural, "un mecanismo que permite ás mulleres tomar decisións sobre a súa vida, elixir onde queren ir e empoderarse económica e socialmente". Un xeito de loitar contra a que chamou "fuxida ilustrada cara as cidades".

A homenaxeada nesta primeira edición de "Emprendedoras, en feminino" participou nunha mesa redonda na que tamén interviñeron a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, e catro emprendedoras no rural: Inés Rodríguez, fundadora de Rir&Co, en Allariz; Araceli Macías, fundadora da Cooperativa Outonía, en A Veiga; Ana Álvarez, de Fabricación Cosmética Natural, en Sarreaus; e Leticia Rodríguez, arquitecta de RDL Estudio, en Ribadavia. Estas catro mulleres, que falaron da súa experiencia, participan no programa EmprendOU da Deputación de Ourense, que ofrece axudas para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. Unha iniciativa na que o 50 % dos proxectos correspóndense con mulleres emprendedoras e mozas.

No último relatorio do foro, a docente e mentora en programas de emprendemento, María García, falou das competencias máis importantes que no marco da intelixencia emocional debe ter unha persoa á hora de emprender: automotivación, proactividade e entusiasmo, que poden aprenderse e desenvolverse".