Muíños acolle este domingo o campionato galego de inverno de piragüismo de novas promesas

Presentacion campionato galego de piraguismo

Na presentación da proba, Manuel Baltar remarcou a fonda aposta do goberno provincial polo deporte náutico; situando a organización desta competición dentro "dos froitos do traballo do Concello de Muíños na súa alianza coa Federación Galega do Piragüismo e o apoio de Deputación de Ourense e Xunta de Galicia"

O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, destacou a importancia que ten para o rural desenrolar estas probas, "cun retorno económico moi importante para toda a comarca da Baixa Limia"

O presidente da Federación Galega de Piragüismo agradeceu a colaboración da Deputación e lembrou o potencial de Ourense: "Esta provincia ten as mellores láminas de auga de España, por non dicir de Europa"

A proba deste domingo, na que participarán 41 clubes galegos, celebrarase nas categorías infantil e cadete nas modalidades de K-1, C-1 e paracanoe. E o vindeiro 9 de abril, Muíños acollerá o campionato galego de inverno de piragüismo de novas promesas en barcos de equipo, cunha participación estimada de 500 rapaces

Ourense, 24 de marzo de 2022.- Muíños acollerá este domingo, día 27 de marzo, o campionato galego de inverno de piragüismo de novas promesas. Á presentación da proba, celebrada esta mañá no Pazo Provincial, asistiron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo (FGP), Fredi Bea e o xefe de servizos de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez.

Manuel Baltar remarca que "esta é unha disciplina de pasado, presente e futuro. Ourense non so é un territorio de deporte senón que tamén é o mellor conectado de Galicia. E isto repercute a todos os niveis". O presidente da Deputación lembrou a fonda aposta da Deputación neste eido: "No seu momento foi unha aposta intuitiva, sabedora das nosas posibilidades de éxito. E con estas iniciativas estamos reforzando esta imaxe de provincia como sinónimo de deporte. Ademais, nun enclave, Muíños, que é perfecto para estas cuestións".

Plácido Álvarez destacou a importancia que ten para Muíños organizar estas competicións: "Estes eventos no rural son vitais, teñen un retorno económico moi importante para toda a comarca da Baixa Limia". O alcalde agradeceu a cooperación da Federación Galega de Piragüismo, Xunta de Galicia e Deputación de Ourense.

O presidente da FGP, Fredi Bea, destacou a colaboración da Deputación -"incrementada este ano para que Ourense siga crecendo no panorama do piragüismo"- e lembrou o potencial da provincia: "Ourense ten as mellores láminas de auga de España, por non dicir de Europa". Pola súa banda, Manuel Pérez aplaudiu a cooperación interadministrativa entre concellos da provincia, Deputación e Xunta para desenrolar estas competicións deportivas.

A cita do domingo, en horario de mañá e tarde, suma 625 rapaces inscritos de 41 clubes galegos diferentes, en categorías infantil e cadete nas modalidades de K-1, C-1 e paracanoe. O inicio da competición está previsto para as 10,00 horas e o peche sobre ás 19,30 horas. Pola mañá será a quenda das categorías infantil, que competirán en embarcacións individuais sobre unha distancia de 3.000 metros. E pola tarde, os cadetes nun trazado de 5.000 metros.

Campionato galego de barcos de equipo

Ademais, esta mañá presentouse no Pazo Provincial o campionato galego de inverno de piragüismo de novas promesas en barcos de equipo, en categoría infantil e cadete. A competición celebrarase tamén en Muíños, o vindeiro sábado 9 de abril en horario de mañá. Espérase unha participación duns 500 rapaces de toda Galicia. Os infantís competirán en embarcacións dobres sobre unha distancia de 3.000 metros e os cadetes, sobre 5.000. "Reunir a 1.100 rapaces en estas dúas probas non é un milagre senón o froito do traballo do Concello de Muíños na súa alianza coa Federación Galega de Piragüismo e, por suposto, co apoio da Deputación de Ourense", conclúe Manuel Baltar.