A Deputación congratúlase da concesión do Premio “Celanova, casa dos poetas” á cantante coruñesa Luz Casal

Fundacion Curros 2022

O deputado Pablo Pérez, que acudiu en nome do presidente Manuel Baltar, afirmou que con este galardón non só recoñece a traxectoria musical da artista, "senón tamén a vontade de levar a Galicia e a súa cultura alá por onde fose, destacando ademais a súa faciana social", referíndose ao Festival da Luz fundado pola cantante en Boimorto co fin de recadar fondos na loita contra o cancro

Subliñou a participación da Deputación na fundación, "que goza dunha boa saúde como o demostran as case 6.000 persoas que o pasado ano visitaron a casa familiar do escritor celanovés"

Ourense, 26 de marzo de 2022.- O deputado provincial Pablo Pérez asistiu hoxe á reunión do padroado da Fundación Curros Enríquez que, entre outros asuntos incluídos na orde do día, acordou conceder o XXXVIII Premio "Celanova, Casa dos Poetas", á cantante coruñesa Luz Casal. Un galardón que non só recoñece a súa traxectoria musical, dixo Pablo Pérez, "senón tamén a vontade de levar a Galicia e a súa cultura alá por onde fose, destacando ademais a súa faciana social", referíndose así ao Festival da Luz fundado pola propia artista e que se celebra todos os anos na localidade coruñesa de Boimorto, onde naceu en 1958, co fin de recadar fondos na loita contra o cancro.

Pablo Pérez, que asistiu á convocatoria en representación de Manuel Baltar, congratulouse da concesión deste premio, subliñando ademais a participación da Deputación na fundación, "que goza dunha boa saúde como o demostran as case 6.000 persoas que o pasado ano visitaron a casa familiar do escritor". Neste sentido subliñou que na semana que comeza rexistrarase a visita número 30.000, que se corresponderá cun dos alumnos dos moitos colexios de toda Galicia que teñen acudido á casa museo de Curros Enríquez.

A reunión do padrado da Fundación incluíu na súa orde do día a presentación da memoria de actividades correspondente ao pasado ano, a aprobación dos orzamentos para o presente exercicio que ascenden a 74.000 euros, así como do programa de actividades para 2022 que manteñen os roteiros, programas escolares e o inclúe o proxecto Celanoveses polo mundo para destacar a persoeiros nados na vila celanovesa.

O padroado da Fundación Curros Enríquez está presidido polo Concello de Celanova e forman parte do mesmo a Deputación de Ourense, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, A Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, ademais dunha vintena de persoas a título particular procedentes dos máis diversos ámbitos.