A Deputación colaborará en “Amigos hasta la muerte”, a primeira película dirixida por Javier Veiga

Manuel Baltar Javier Veiga e Xose Zapata

Manuel Baltar reuniuse no Pazo Provincial co actor, guionista e director galego: "Esta é unha nova mostra do éxito da aposta deste goberno polo sector audiovisual. O cinema de alta velocidade xa é un motor de desenrolo socioeconómico para a provincia de Ourense e as perspectivas de futuro son magníficas, con ferramentas como o AVE e a Ourense Film Commission"

A película, unha comedia romántica sobre os límites da amizade, rodarase na cidade de Ourense e na Vía da Plata. Estará protagonizada polo propio Javier Veiga xunto a Marta Hazas e Mauricio Ochmann

Este proxecto está baseado na obra de teatro homónima -escrita, dirixida e protagonizada por Javier Veiga- e que contou cunha adaptación en galego, "Amigos ata a morte", con Xose Antonio Touriñán, Ledicia Sola e David Amor e que sumou máis de 30.000 espectadores na súa xira por Galicia

Ourense, 2 de abril de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial con Javier Veiga para pechar o apoio da institución á primeira película dirixida polo galego, "Amigos hasta la muerte". O filme rodarase na cidade de Ourense e en varios tramos da Vía da Plata, e está protagonizada polo propio Javier Veiga, xunto a Marta Hazas e Mauricio Ochmann.

Manuel Baltar amosou a súa satisfacción pola confirmación desta nova rodaxe patrocinada pola Deputación: "Esta é outra mostra do éxito da aposta deste goberno polo sector audiovisual. O cinema de alta velocidade xa é un motor de desenrolo socioeconómico para a provincia de Ourense e as perspectivas de futuro son magníficas, con ferramentas como o AVE e a Ourense Film Commission".

No encontro de traballo, xunto a Manuel Baltar e Javier Veiga estiveron o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar e o produtor Xosé Zapata, recente gañador do Goya por "The Monkey" e que tamén está implicado na volta ao cinema de Jaime Chávarri con "La manzana de oro", unha película que se rodará nas próximas semanas na provincia co patrocinio do goberno provincial.

Unha comedia romántica sobre os límites da amizade dentro dun triángulo amoroso

Javier Veiga, Marta Hazas e Mauricio Ochmann son neste filme Suso, María e Nacho, tres amigos que rozan os corenta, cunha longa amizade ás costas e con historias románticas cruzadas. Unha traxedia persoal suporá voltar a vista atrás e analizar temas pendentes e afrontar segredos. Esta comedia romántica, ou comedia dramática, analiza os límites da amizade dentro dun particular triángulo amoroso: os protagonistas terán que responder preguntas como cal sería a túa resposta se a túa parella se fora co teu mellor amigo, se é mellor mentir a persoa que máis queres para evitar que sufra ou se poderías perdoar calquera cousa por amor.

O filme, producido por Medio Limón, Sygnatia, Onírica Films e Ainé, está baseado na obra de teatro homónima; escrita, dirixida e protagonizada por Javier Veiga, foi estreada en 2009 e posteriormente en 2012, con dous repartos diferentes sumando en total máis de 400 representacións. En 2015 estreouse a versión en galego, "Amigos ata a morte", protagonizada por Xosé Antonio Touriñán, Ledicia Sola e David Amor e que xirou por toda Galicia acadando máis de 30.000 espectadores. A versión en euskera, "Hil arte bizi", acadou un éxito similar en Euskadi e Navarra. A obra tamén adaptouse en países como México, EEUU, Porto Rico e Panamá.

Os froitos da aposta da Deputación polo sector audiovisual

A Deputación de Ourense leva anos consolidando a súa aposta polo sector audiovisual, con fitos como o rescate do Festival de Cine Internacional de Ourense, a súa alianza coa Academia Galega do Audiovisual -que celebrará os Mestre Mateo do 2023 en Ourense- ou a recente creación da Ourense Film Commission, ferramenta deseñada para mellorar a viabilidade das producións rodadas na provincia mentres se profundiza no retorno socioeconómico ao territorio. Un traballo de fondo que ten permitido un goteo constante de rodaxes na provincia con fenómenos como "Cuñados". Agora, nas vindeiras semanas coincidirán en Ourense ata cinco producións mentres nos cines pódese ver "Malencolía", de Alfonso Zarauza, recente gañadora de dous Mestre Mateo, rodada integramente na provincia co apoio da Deputación e que acadou o mellor estreo comercial dunha película galega en salas.

A primeira película como director de Javier Veiga

Javier Veiga (O Grove, 1973), é un rostro ben coñecido do audiovisual en España. Tras estudar na Real Escuela de Arte Dramático, iniciou a súa carreira no teatro, un medio no que ten unha longuísima traxectoria de actor, director e produtor -coa súa compañía, Teatro Impar-. Na televisión, Veiga apareceu en series tan referenciais como "7 vidas" ademais de presentar "El club de la comedia". En cine protagonizou "Tuno negro", "El año de la garrapata",  "Escuela de seducción" ou "Muertos de amor" . A súa carreira deu un novo paso adiante coa dirección das premiadas curtametraxes "Sálvame" e "¿De qué se ríen las hienas?" e, posteriormente, con "Pequeñas coincidencias", un proxecto persoal que se converteu na primeira serie española de Amazon Prime e que suma xa tres tempadas. Agora salta á dirección da súa primeira longametraxe con "Amigos hasta la muerte".